Previr e non laiarse

Previr é, na segunda das acepción deste verbo transitivo, tratar de evitar un dano, perigo ou unha situación desagradable. Tamén fala da necesidade de tomar as medidas precisas para evitar que no futuro as cousas marchen por camiño non desexábel, provocando males evitábeis. Velaí a mensaxe da sabedoría popular condensada no refraneiro: Máis vale previr que lamentar. Un dito popular que vira ao redor da máxima de anticiparse ás posibles consecuencias das nosas accións ou decisións, e o impacto que puidesen ter nas nosas vidas e na dos que nos rodean. Asunto que vai do individual ao colectivo para afectar ás políticas públicas. Aínda máis, a variante máis usada do refrán asegura que “máis vale previr que curar”, chamamento ás institucións políticas para impulsar medidas a prol da saúde, remediando toda a enfermidade que sexa evitábel.  

Daquela, agora que a vacinación contra o virus imperante no ámbito planetario converteuse na principal esperanza para a volta á normalidade, a terceira onda de contaxio descontrolado está a golpear, unha vez máis, aos sistemas sanitarios de moitos países, excedidos durante o último ano pola explosión da pandemia sanitaria. Polo que respecta ao Estado español, aquí lévase un calendario de vacinación que, á marxe da falta de eficiencia na súa extensión e outras cousas lamentábeis, esas das que habelas hainas, está moi condicionado ás reviravoltas da enfermidade e, polo que respecta á capacidade económica, en desvantaxe co resto de socios europeos. Aspecto que vén de poñer en evidencia o informe actualizado do Eurostat sobre investimento en medicina preventiva, unha das áreas máis importantes dos programas de saúde pública que inclúen os principais plans de vacinación perante as enfermidades, Covid-19 incluído. O citado portal estatístico sitúa á medicina española no último vagón do tren sanitario europeo. 

Mala cousa que, mágoa diso, non é diferente tampouco no ámbito galego; malia que durante o pasado mes de setembro, a OMS xa pediu aos países membros que aumentasen o investimento en saúde pública e os servizos de prevención e detección. Esta organización internacional tamén insistiu, no contexto da pandemia que estamos a soportar actualmente, en reforzar os servizos de atención primaria, outro dos ámbitos onde máis se desenvolven os labores preventivos, columna vertebral da rede de centros sanitarios públicos que soportaron un recorte de preto ao 13% na última década, segundo un recente informe de Amnistía Internacional. Severo aviso a navegantes.

Previr e non laiarse

Te puede interesar