Radiografía andaluza

Falou o pobo andaluz, e falou ben. Porén, hai que ver o que dou de si á hora de interpretar a radiografía que expresan os votos e os deputados acadados por cada formación en competencia electoral. Semellan unha tradución que se fai á carta para cada comensal, chámese lector ou xornal, desta ou daquela opción ideolóxica. Porque habelos, hainos. Si señor. E chegado este momento posterior aos comicios é cando máis notamos a diferenza na cor política que se agocha detrás da declaración solemne de imparcialidade da que todos presumen, mais ninguén asume na práctica.
Entremos, tamén, nesa marea de interpretacións, lectura de tendencias e tradución de intencións futuras, que se aventuran válidas para outros procesos. Coidadiño, que fique claro que non é igual o proceso pechado o domingo en Andalucía que o que vai darse nun futuro próximo noutros territorios autonómicos ou no marco dos comicios de carácter local.  Cada ámbito é ben diferente no que respecta á traxectoria histórica de comportamento electoral, situación política do momento, incidencia das diferentes organizacións políticas que se presenta a elección e outros factores a considerar.
Se partimos do principio sinalado polo “efecto bolboreta” que asegura existir unha relación de causa directa, por máis que resulte incomprensible, entre o axitar das ás deste insecto nas fragas de California e o ciclón que asola ás Illas Filipinas;  de facerlle caso a esta teoría, do resultado das eleccións andaluzas podería derivarse o accidente do voo estrelado nos Alpes franceses. Por respecto e solidariedade coas vítimas e coas súas familias, desbotamos esta metáfora retranqueira e pasamos a outra análise.
Resulta evidente que os partidos que se veñen alternando na gobernación estatal, e de boa parte doutras entidades territoriais, continúan a reter a máis grande parte do voto emitido; moito máis a dos representantes parlamentarios froito do sistema de reparto electoral tirado dunha lei matemática que incentiva aos máis apoiados.
Non se pode negar a entrada de novos actores que están chamados a xogar un papel determinante nos equilibrios de poder, tirando para un ou outro lado do fiel da balanza. A base electoral do partido que sostén ao Goberno estatal, enviou un recadiño ben claro sobre o efecto das políticas de “austericidio” practicadas por Rajoy e acólitos neste anos de mandato. Luces vermellas de alerta, por se quere velas. Se non que siga co conto da falsa recuperación económica. Aínda así, só radiografía andaluza.

Radiografía andaluza

Te puede interesar