Apólogo dun cántaro rachado

|

Sabemos que un apólogo é, no mundo literario, aquela composición breve, en prosa ou en verso, que ten finalidade didáctica ou moralizante. Emparentada coa fábula, da que lle separa non empregar animais para trasladar neses seres vivos faltos da intelixencia humana, os comportamentos e defectos que se aprecian nas persoas e, deste xeito, facer didáctica tirando leccións das metáfora da vida cotiá. Lembremos que metáfora é un xeito de retórica que fai uso dun tropo consistente en presentar como idénticos dous termos distintos entre os que o emisor establece unha identidade baseada na semellanza. Porén, o mundo non se amosa de xeito lineal senón que cheo de reviravoltas que fai da sutileza un modo de ser para o que se precisa estar nun estado permanente de interpretación dos códigos que nos falan da realidade agochada detrás das impresións buscadas polos protagonistas para desviar a intencionalidade real dos seus actos. 

Velaí o aspecto hermenéutico dun dos temas de actualidade: O forzado desmentido da multinacional galega, con centro operativo en Arteixo, colocando unha insólita proclama na rede social chinesa das mensaxes para declarar que “apoia a integridade da soberanía territorial de China e sempre ten apoiado tamén ese modelo que se coñece por un pais, dous sistemas”, desmarcando contundentemente a súa suposta colaboración coa rebelión da cidadanía de Hong Kong. Aquí, medios de comunicación de éxito, teñen referido o simil da porcelana rota; e dicir, o medo a perder unha valiosa peza do patrimonio gañada nun mercado que suma moitos millóns de clientes potenciais e infinidade máis de locais desta firma.  Poucos miran ao fondo da dupla operación que contén os sucesivos editoriais do voceiro oficioso do poder deste imperio oriental, editado para o mundo internacional, moi duro no tratamento xornalístico para coa empresa á que ameaza convidando aos lectores para boicotear os seus produtos. Ninguén veu que, dunha banda, pode ser unha operación para favorecer a outras empresas locais; tampouco a existencia dun recado enviado ás corporacións foráneas para que xoguen a favor do goberno pequinés. 

Sexa como for, a lenda do cántaro rachado fala da vantaxe e abrir fendas que permitan regar novos campos nos que florecerá outra vexetación. Diso debería aprender a xente que negocia sumar acordo parlamentario para formar goberno. Poda que rache o cántaro de tanto ir á fonte. 

Apólogo dun cántaro rachado