ONCE CABALLEROS

Nas case catro décadas nas que vivín e/ou traballei na Coruña houbo infinidade de cousas que me foron chamando a atención.
Unha foi o nome dunha entidade deportiva, Once Caballeros, con sede no Temple. Inicialmente, pensei en que o nome procedería de que os once xogadores que saltaban ó campo eran todos eles uns perfectos cabaleiros da deportividade.  Mais parece máis atinado que o nome teña que ver cos cabaleiros templarios.
Acordábame o outro día disto no campo da Pedreira, presenciando un partido de cadetes, cando detectei que no conxunto mugardés xogaba, e moi ben, por certo, unha rapaza chamada Alba.
Se a miña suposición inicial da orixe do nome do equipo do Temple fose a axeitada este tería que mudar a Diez Caballeros y una Dama. E, por aquilo da necesaria igualdade, ilo adaptando no futuro ó número de tantos cabaleiros como damas.
O sorprendente é que esta competente xogadora vaia ter que pasar a equipos só femininos cando sexa xuvenil. Acabou a igualdade. Mágoa.

ONCE CABALLEROS

Te puede interesar