Dos novos (des) propósitos

Pisamos un ano novo. Neste ano, renuncio a facer as miñas intencións de sempre (máis inglés, máis deporte e máis viaxes), a cambio de non esquecer o que somos.
Todo o que como sociedade construímos, e non resignarme a ver como perdemos dereitos, sen deixar ben claro que terán que ser reimplantados. Dende o primeiro minuto do partido, detecto e denuncio que a distancia entre a Sociedade e a Política, segue a medrar.
A tradicional desconfianza entre administradores e administrados, tornouse xa unha fractura de dimensións considerables. Consecuencia: buscar canles de participación, instaurar a transparencia, e primar o importante (o de todos) sobre o accesorio (o de algúns).
Pero imos amoreando demoras. De credibilidade, pero tamén de actividade. A enerxía e a capacidade da xeración máis cualificada, está sendo desperdiciada. Prioridade: o emprego. Non hai valor maior que a realización persoal.
Ter traballo para ter autonomía, expectativa e autoestima, e evitar a nova emigración. Traballadores con dereitos, e non meras pezas intercambiables, sometidas a un engranaxe economicista, que impón modelos minijobs, temporalidade e despidos baratos... Hai anos que son despedidos con palmadas no lombo e outros a empurróns.
Pouca memoria quedará dun 2013 onde o único que medrou, foi a capacidade para definir o dramático das situacións que se viviron.
Onde todos os indicadores económicos incrementaron cifras negativas.
Agardamos un 2014 onde a autocrítica, duns e doutros, permita correxir os erros e escoitar as demandas que a xente real fai e necesita, fronte ao que defenden  aqueles que teñen interés e intereses. Onde as políticas, defendan e protexan a dignidade das persoas e busquen solucións, pensando nos que máis axuda precisan.
Un ano, onde a Política sexa solución e nunca máis problema.

Dos novos (des) propósitos

Te puede interesar