Dos vellos e humildes christmas

|

Probablemente sexa un romántico. Ou quizáis o peso dos anos incide na miña memoria, e algunhas cousas suxiren a fonda evocación doutros tempos. Hoxe os christmas (postais de nadal) quedaron reducidos ao envío comercial dalgúns grandes almacéns, ferraxerías e pouco máis. Daquela, tiñan unha prestancia e unha simboloxía que os facían embaixadores do Nadal e dos seus bos desexos e sentimentos.
Recibir unha destas postais, desataba emocións. Escritas a man, permitían coñecer o estado de ánimo polos trazos das letras; ou a presa, habilidade ou a paixón por escribir que tiñan. Incluso, había unha aprendizaxe que comezaba no instituto, onde uns cantos amigos/as acordabamos remitirnos unha. Ás veces, faciámolas nós mesmos, co noso atrevemento de artistas potenciais... Os christmas tiñan valor social. Ocupaban un espazo ao pé da árbore, ou ao carón do belén. Expresaban a cantidade de familiares e amigos que se lembraban de ti e que querían facerche chegar os seus mellores desexos. Eran fermosos. Cheos de tenrura, inxenuidade, animais, positividade... con meniños fazuleiros; escenas de neve con casas onde, a través dos cristais, víase arder o lume no fogar.
Hoxe, os SMS, correos electrónicos e whatsapps fixeron perder a maxia daqueles anacos de nadal, concentrados nunha cuartilla de papel e moitas cores brillantes, que tiñan o valor engadido do afecto dos avós, que vivían lonxe, garabateando un “queridos netos”. Ou de irmáns que estaban fóra, ou na mili e non podían pasar a Noiteboa con nós... Desculpen que recupere imaxes de antonte, pero dende a humildade dun christma, quero desexarlles un feliz ano e que o 2014 sexa mellor, infinitamente mellor.

Dos vellos e humildes christmas