Mulleres na rúa

Mulleres na rúa é sinónimo de marcha da rebelión feminina por acadar un mundo xusto na que a igualdade sexa lugar común. É un imparábel movemento planetario que no ámbito galego berrará contra da discriminación que soportan no mundo laboral, no seu transitar polas prazas e avenidas viguesas ateigadas de compromiso liberador, xustamente nas vésperas en que “as mulleres do mundo estaremos levando a cabo a primeira folga de mulleres feministas, sumándonos a ela a nivel internacional, multilingüe e intersectorial, desde as nosas realidades, experiencias e vidas diversas, para dar un paso á fronte e transformar para sempre a vidas de todas”; tal como se expresa no “Manifesto de Galegas 8M para o Día das Mulleres”, do presente ano.
Velaí a singularidade actual dunha data que naceu reivindicativa, como Dia Internacional da Muller Traballadora, para lembrar á histórica “folga das camiseiras” que remataría co incendio da fábrica téxtil Shirtwaist, de Nova York, sinistro homicida que custou a vida a un total de 123 mulleres e 23 homes, fundamentalmente persoas inmigrantes, por causa das inmundas condicións de traballo no marco dun cruel sistema de explotación laboral. A causa que agora une ás mulleres galegas procura recupera “o espírito co que as traballadoras e revolucionarias marcaron esta xornada como día de loita, logo de anos de ser utilizado como mera conmemoración”; e para iso conxúranse no labor de rescatar ese día “para a loita feminista arrancándoo dos rituais institucionais nos que pretenden encerralo”.
Mulleres en marcha facendo un chamamento á participación activa na xornada de folga que irá máis alá do paro laboral, propoñendo tamén a realización dunha folga de coidados e consumo, que axude a facer visíbel as discriminacións e desigualdade; e poñer en valor a contribución das mulleres tanto na esfera produtiva como reprodutiva porque non queren “ter que discutir se a fenda salarial real “ é dunha ou doutra porcentaxe, “porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque hoxe as mulleres máis novas están condenadas de antemán ao traballo escravista, parcial e precario, cando non directamente á exclusión social e á pobreza; e as maiores están abocadas ao abandono, a soidade e á miseria, sen recursos e comunidades que as sustenten”.
Folga xustificada e necesaria para esixir políticas públicas deseñadas polas mulleres, “tomadas en serio, financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento”.

Mulleres na rúa

Te puede interesar