O BIDUEIRO

|

No patio do meu castelo azul de Caranza temos unha abidueira, que é como lle chamaba o gran fabulador mindoniense ao bidueiro. Plantouna hai máis de vinte anos don Emilio Martín, veciño amigo e compañeiro de pesca nos peiraos da Graña, de moi grato recordo. Pertencente á especie “Bétula verrugosa o péndula”, da familia das betuláceas é unha árbore autóctona de Europa, sobre todo do norte onde forma grandes e fermosos bosques caducifolios que aquí chamamos bidueirais. A súa cortiza é lisa e de cor gris claro, a folla en forma de corazón é de cor verde que se torna amarelo alaranxado no outono, as flores colgantes de cor marrón e os seus froitos cilíndricos teñen gran número de sementes no seu interior. Acada hoxe tres andares.
Moi venerado nas mitoloxías celta e eslava para os que o bidueiro simbolizaba o inicio e o final da vida, estaba moi relacionado coa inmortalidade dos deuses. Tamén o utilizaban nos seus rituais de purificación tanto nos santuarios como no interior das vivendas que varrían no aninovo, con vasoiras feitas coas súas pólas, para eliminar os malos espíritos do ano vello. A súa madeira branca, lixeira e moi doada de traballar é moi apreciada en carpintería, con ela fanse na Escandinavia mobles de interior, canoas e esquíes. Os nosos zoqueiros úsana asemade para zoquear.
Da súa cortiza extraese un alcatrán e un aceite que, por mor do seu contido de tanino, son moi utilizados no curtido de peles e coiros. Coa súa zume elaborase viño e cervexa. Un aceite esencial que se obtén do bidueiro utilizase na industria cosmética para a fabricación de xabróns e tinturas.
Por riba ten tamén aplicacións medicinais debido á betulina que contén a que lle confire propiedades diuréticas utilizándose para combater a celulites, o mal da gota e o reumatismo. Nos grandes bidueirais do norte de Europa o Milano Real (Milvus milvus), fermosa ave de presa migratoria de gran envergadura utiliza esta árbore para facer o seu niño.
Mágoa non poder contemplar algunha primavera no noso patio un exemplar coidando as súas roladas no máis alto da súa frondosa copa. Non sei cantos anos lle quedan por vivir ao noso bidueiro que está agora mesmo en plena floración. Como di unha canción aprendida na escola, “Que Deus o protexa do home e do vento”, porque mentres se manteña ergueito será para min como unha homenaxe a don Emilio. Miña nai quer’unhas zocas ranquiñas de abidueira...

O BIDUEIRO