RETORNAR Á TERRA

“Leva na maleta moita fame de vivir. Leva unha tarxeta da pensión onde vai durmir. Leva o seu futuro nese avión que o leva de aquí. Deixa en terra firme os seus tesouros infantís. Marcha palpitando nos recordos despois de elixir. Tantas veces foi un simple conto e agora xa está aquí. Moitos soños vai buscar, moita vida por gastar… Aínda non sabe se ao final volverá e vive a nova vida sen deixar de avanzar, coa forza durmida da terra ferida. Vaia onde vaia, sempre irá con Galicia”. Velaquí a letra que, con música a ritmo de pop, vén a ser o himno do movemento “Voltar á terra”, que nace para ser a voz desgarrada, reivindicativa e incómoda que peta na conciencia e na responsabilidade política e social que permite, por activa ou por pasiva, a nova riada de emigración que se ceba cruelmente sobre a mocidade galega.
Un drama económico e demográfico que xa supera a cifra de 200.000 homes e mulleres que tiveron que marchar fóra do seu país, nos últimos oito anos, á procura dun posto de traballo e do medio de vida que non atopan aquí. Retorno desa pandemia que asolou as terras galegas por veces anteriores, segando xeracións que deixaron unha fenda no equilibrio da poboación. Emerxencia social que provoca un acusado avellentamento cos seus negativos efectos no gasto sanitario e o problema dos relevos que se precisan no ámbito cidadá e laboral. Desatino no retorno económico do investimento en formación, soportado por familias e recursos públicos, que agora vai producir valor engadido a favor doutras economías que aproveitan para si o esforzo que antes fixemos nós aquí. Mal negocio, sen dúbida.
“Vimos dun país con recursos e capacidades como para xuntar ás que están e ás que queremos estar. Somos líderes mundiais na produción de novos materiais de aplicación industrial, o mar fíxonos potencia pesqueira, habitamos unha Terra cunha extraordinaria capacidade agraria e gandeira, xeramos máis recursos enerxéticos dos que precisamos, visítanos máis xente que habitantes somos e, xunto a potencialidade dabondo, temos unha lingua e cultura propias ben diferenciadas”, asegúrase no manifesto en rede que busca adhesións, colectivas e individuais, para crear debate e sensibilización, procurar compromisos ou exercer presión diante dunha autoridade dimisionaria da súa responsabilidade na aposta por un verdadeiro plan de emprego xuvenil que garanta “vivir e traballar con dignidade no noso país”. Retornar á terra.

RETORNAR Á TERRA

Te puede interesar