De insultos e indecencias

|

De sempre houbo xogadores técnicos, que manexan a estratexia e a pelota con mimo e elegancia, e rompepernas ou torcebotas, que, faltos de habilidade e destreza, apostan por ir ao bulto pase o que pase e custe o que custe. Hai quen pensa que o insulto a zafiedade e a falla de respecto na política son parte dunha antiga tradición de oradores que pretenden evidenciar nonseique cousas. Incluso que ten máis razón quen máis insulta. Non comparto semellantes posicionamentos. 
As razóns e as vantaxes dialécticas deberan ser estocadas moi finas e rápidas, accións non agardadas que sorprendan e desarmen por completo ao opoñente. A verdade non precisa de berros nin de luces dramáticas para asentar a súa contundencia. As descalificacións e os insultos quitan razóns e asentan unha crispación inxusta que mata o debate e en lugar de soños da razón, producen monstros e realidades deformadas polo agravio. Accións tan desafortunadas como as de Rufián no Congreso, rebaixan o nivel e alonxan aos cidadáns da Política. Non debera permitirse  a indecencia de non estar á altura do significado de servir. Nin a indecencia de converter en esterqueiras espazos destinos a facer realidade a defensa de valores e dereitos da cidadanía. 
Non nacimos onte. Soportamos longos tempos de silenzos e levamos sobre as nosas costas moitas loitas e algunhas derrotas. Máis dunha vez choramos agravios e abusos. E hoxe, con respecto e dereitos, afirmo alto e claro que estas actitudes de prepotencia, machos alfa e shows premeditados, non nos representan.
Permíteme sentirte –dixo El– quencerme co teu riso que acende coma abrazo dende o cerne máis íntimo dun bico; encher as mans de outonos, e seguir soñando estrelas de emocións variables, pero con distancias necesariamente mínimas contigo...

De insultos e indecencias