Sen alfombras florais

Co paso dos anos só un fenómeno distingue aos galaicos do resto do territorio ibérico, excepto Portugal, que é o clima. Aínda así, cada vez son máis os autóctonos de por aquí que ven nos partes televisivos de difusión nacional a bañistas na Malvarrosa e sen máis reparos imitan aos mediterráneos e calzan chinelos e pantalóns curtos para nadar por Barrañán con temperaturas baixo cero.
Ben é certo que as condicións climáticas galaicas moderan o carácter, aínda que haxa entroidos vestidos de plumas como en Brasil, pero cando chega abril o aborixe xa non aguanta máis friaxe e necesita diversión. O primeiro que se lle ocorre é imitar o que fan no lugar andalusí e así aparecen concellos que organizan feiras de abril de mestizaxe, onde Manolo Escobar comparte decibelios con Son Lalín.
No mes de maio, por aquilo de que os maios é unha tradición autóctona e non madrileña e o día das letras galegas e un funeral, rexístrase certa moderación festeira no territorio. Pero é falso, non é máis que unha ilusión. Centos de miles de galaicos traballan ás escondidas, ocultos en garaxes e alpendres esfollando flores, piñeiros e arbustos, destruíndo o baixo monte, acabando coa laurisilva e contribuíndo a que se mitiguen os futuros lumes.
Toda unha lexión de veciños entusiastas perden horas de traballo e sono para dedicarse a confeccionar alfombras florais para aromatizar unhas rúas do seu concello o día de Corpus. O que era unha tradición celta de pisar as espadanas para honrar ao Sol, escaso por estes territorios, reconvertida en cristiá, agora é unha especie de Carnaval e non hai agrupación de veciños que non faga das súas.
Un fin de semana que fixen turismo de proximidade contei non menos de quince concellos que anunciaban as súas alfombras florais. Algúns destes avisos non era máis que un folio escrito en “word de andar por casa”, mentres outros advertían de que despois da misa de Corpus habería verbena, con carpa incluída por se chovía.
Dentro duns anos teremos 315 lugares onde ir ver alfombras florais e cada unha será mellor e máis grande que a outra. Ao final terá que intervir a Fegamp para pór orde na festa e que non coincidan todas o mesmo día e se estenda a súa confección ao longo do mes de xuño.
O clima aínda nos fai distintos porque no verán toda Galicia é unha feira medieval e poucos meses quedan para facernos distintos, até o samaín é un “jalopín” ou unha oktoberfest. Os cidadáns perderon a iniciativa cando se encomendaron as festas aos políticos, que viron negocio e as subcontrataron. Non me estrañaría que detrás de tanta alfombra de Corpus houbese unha floristería que trouxese pétalos de Holanda, porque en Galicia non hai tanto pampillo

Sen alfombras florais

Te puede interesar