Coa Sanidade e a Saúde Pública

O primeiro son as persoas. Todos e todas as que estamos en política debemos asumir esa frase como un mandamento, a auténtica guía da nosa función. E unha das principais necesidades da xente xa nola indica a sabedoría popular: o importante é ter saúde. Pero o benestar persoal non pode quedar ao albor da sorte. As institucións públicas temos un mandato irrenunciable de defendermos a nosa ciudadanía. Nese ámbito, para o Goberno local do que teño o orgullo de ser alcaldesa, son dous -tres sumando as políticas de Coidados- os piares nos que se basa a procura dese obxectivo: a Sanidade Pública e a Saúde Pública. Esta semana volvimos dar pasos adiante nese sentido.
A Sanidade Pública vén sendo nas últimas catro décadas, desde que os socialistas impulsamos a sua condición universal, o gran mecanismo de igualdade deste país. Constitúe unha xoia que na Coruña ten nome propio: Chuac. 
O noso hospital no só representa un orgullo de cidade, senón que é unha referencia médica en toda Europa. Pero necesitaba melloras. Chegarán. No que supón un claro exemplo dos beneficios da lealdade institucional, a Xunta anunciou hai uns días a ampliación do Chuac, que se aplicará mediante a fórmula espello, a que eu e o meu partido sempre defendimos. Trátase dunha boa noticia, que agora ten que pasar aos feitos, atender ás demandas dos traballadores e traballadoras do hospital, o seu gran valor, e combinarse coas solucións aos problemas inmediatos, como os colapsos en Urxencias. 
Pero, desde a firmeza ante calquera posible incumprimento, non seremos nós os que poñamos obstáculos ao futuro da Sanidade Pública na Coruña, como xa o demostramos ao desbloquear a construción dun novo centro en Santa Lucía. E tamén avanzamos no relacionado coa Saúde Pública. A declaración de Zona de Especial Protección dos Xardíns de Méndez Núñez non só cumpre coa defensa da convivencia e o patrimonio da cidade, senón que evita a práctica do botellón nese punto, o que combinado con novas medidas e, sobre todo, con información e alternativas de ocio, servirá para que a mocidade asuma os grandes riscos aos que se expoñen co consumo de alcohol. 
Somos conscientes da complexidade do problema, pero ese feito nunca pode ser una escusa para a inacción. Hai moito en xogo. O futuro mesmo da cidade e as súas persoas, de todas as idades, con especial atención para quen máis o necesita. Os seus coidados e dereitos deben ser a guía da nosa tarefa pública. Niso estamos.

Coa Sanidade e a Saúde Pública

Te puede interesar