A condonación da débeda do porto pode e debe ser total

No último pleno ordinario do Concello o grupo socialista defendeu un texto a prol da condonación da débeda do porto da Coruña, a resultante da construción da dársena exterior de punta Langosteira. Ben, perfecto, é o que conviñemos co PSOE no Acordo de Investidura que asinamos en María Pita e que fixo viábel a investidura de Inés Rey. Mais o que xa non está tan ben é que uns días despois da sesión plenaria, e en senllas entrevistas con medios da cidade, a alcaldesa deixara a porta aberta a que a condonación non fose total, senón parcial.
Discrepamos totalmente desa posición da alcaldesa. Primeiro, porque non representa a vontade expresada en reiteradas ocasións por parte do Pleno do Concello. E segundo porque, aínda que nos situásemos nunha lóxica de negociación á baixa que non compartimos, non parece o máis intelixente mencionar xa de entrada a hipótese de que a cidade podería conformarse cunha condonación só parcial, que, aínda por riba, apenas consistiría en ampliar os prazos de amortización da débeda.
Quero que fique clara cal é a posición do BNG neste asunto, que non é outra que a que entendemos mantén a inmensa maioría das coruñesas e dos coruñeses: o convenio de 2004 —asinado, non o esquezamos, polo daquela alcalde, Francisco Vázquez, ben como polo ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, un dos patas negras do aznarismo, e o naquela altura conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feixóo—non se sostén de pé en 2020. E non o fai porque parte dunha premisa inaceptábel: a de que teñamos que vender parte do patrimonio da cidade para sufragar unha obra de titularidade estatal. Foi un erro do vello bipartidismo –daquela foto aínda sobrevive políticamente, estou certo de que xa por pouco tempo, Feixóo- que a sociedade coruñesa rexeita aquí e agora de forma moi maioritaria.
Por tanto, o punto de partida ten que ser inescusabelmente a reformulación do convenio que foi asinado no ano 2004. Si, niso estamos de acordo coa alcaldesa Inés Rey, pero a reformulación ten que ter un obxectivo irrenunciábel: o da condonación total da débeda no marco da cesión de balde dos terreos portuarios que resulten desafectados ao seu lexítimo dono, que é a cidade da Coruña.
En realidade, é só cuestión de vontade política. A mesma que ten o Goberno do Estado para resolver en termos de condonación total a débeda do porto de Valencia. Só pedimos o que en xustiza nos corresponde. Só pedimos non sermos obxecto de discriminación e agravio.
Como tamén é cuestión de vontade política a reversión dos terreos da Maestranza. Contra o que sostivo estes días o secretario de Estado de Defensa, de visita na cidade, si que é posíbel legalmente que os soares do Campo da Estrada sexan cedidos de balde ao Concello. Basta con facer o que xa ten feito o deputado do BNG, Néstor Rego, isto é, rexistrar unha iniciativa no Congreso para facilitar as mudanzas normativas pertinentes. Basta, en fin, aplicar a mesma lóxica que en 2006 levou a que o Goberno Zapatero impulsase un proxecto de lei para permitir o traspaso do Castelo de Montjuïc a Barcelona. O BNG, desde logo, non vai pasar por menos.

A condonación da débeda do porto pode e debe ser total

Te puede interesar