DE DRAMÁTICAS ALARMAS

Os estudos realizados polas mais prestixiosas entidades de análises económicos confirman, cada vez con máis rotundidade, a existencia da figura do traballador pobre. Persoas que ocupan plenamente a súa xornada laboral, de oito e mais horas, pero que non reciben un salario que sexa suficiente, para facer fronte ás súas necesidades e as da súa familia. 
É algo inusitado e que, a tenor do que as autoridades económicas europeas anuncian, non irá a mellor se non todo o contrario. As crises sempre foron coartada para seguir facendo o mesmo, pero reducindo custes de produción. Sempre permitiron, baixo o lema de mellor pouco que nada, que os mesmos de sempre sufriran o custe groso dos procesos de axuste. É urxente que a Unión Europea, aborde e resolva esta situación dramática; que redefina os marcos sociais de garantías duns mínimos dignos que baixo ningún concepto poderían ser vulnerados.  
No 29 de decembro de 2004, o BOE recollía a publicación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra Violencia de Xénero. A primeira gran Lei do Goberno Zapatero. Tristemente, unha década despois, o drama continúa. Unha lei por si mesma, non resolve un problema, pero sinala e focaliza un mal que existe na nosa convivencia. Na Exposición de Motivos, sinalaba que non é un problema que afecte ao ámbito privado, ao contrario, é o símbolo máis brutal de desigualdade existente na nosa sociedade. 
Nestes días, asasinatos salvaxes conmoven aos pobos. Violencias inexplicables evidencian que fan falla todas as mans para atallar este mal. A Educación para a Cidadanía, mal eliminada polo Goberno Rajoy, contemplaba unha transversalidade básica e fundamental para construír convivencia. Sementar tolerancia, respecto e igualdade ten que ser asunto de cidadáns, non de ideoloxías.

DE DRAMÁTICAS ALARMAS

Te puede interesar