Funeral ao xeito irlandés

se reparamos nos seus datos antropolóxicos, ben poderían ser galegos; porén, pola súa metáfora a respecto do que está a ser un velorio de enterramento a cámara lenta do proceso de usos sociais do idioma galego, é máis didáctico reflexionar a respecto da cerimonia fúnebre da tradición irlandesa, hoxe en día pouco habitual xa na práctica cotiá do proceso mortuorio. Noticias quentiñas, saídas do forno periodístico, colocadas en parello, dan boa conta desa traxectoria que leva o idioma propio á dinámica de esvaecemento público que tempo atrás transitou o “gaélico” ata esa actual posición submisa dun idioma foráneo. Triste conmemoración do Día Europeo das Linguas que serviu para recordar os numerosos incumprimentos a respecto das políticas idiomáticas, máis ao coñecer un recente estudo da RAG que pon en evidencia o feito de amosar que o papel da escola é de efecto “desgaleguizador”, especialmente no ámbito periurbano das cidades e moito máis acentuado nos niveis do ensino infantil e primario.
Por iso, lembremos que o considerado funeral irlandés caracterízase por manter ao defunto perante tres días nun cuarto da súa casa, ata acadar a certeza absoluta de estar realmente morto, nunha práctica de velorio que suma laios, con choros simulados, e celebración con certo abuso das bebidas alcohólicas xunto a outros ritos que fan do proceso un fenómeno cultural que ten moito a ver co noso xeito de pasados enterramentos no ámbito rural. Co finado no seu cadaleito, e a súa vez mentido no sartego, aínda ficaba pendente a festa familiar, con máis bebida e desfase que, en non poucas ocasións, levaban ao malicioso lapsus verbal para dar saída ao que verdadeiramente sentía algunha xente na súa relación co finado ou co seu entorno.
A expresión aldraxante a respecto da situación desigual que, na teórica cooficialidade, vive o galego, verbalizada por un coñecido deputado quen dende a tribuna do Congreso proclamou que “o castelán está desaparecido de Galicia”, pola súa falacia a respecto da realidade que é xustamente a inversa ao pregoado, fai chegar ao recordo sonoro a letra daquela pegadiza cantiga popular que sentenza a estes mentireiros cínicos: “Era o viño, miña nai, era o viño, era cousa que eu máis desexaba, somos morte, miña nai, somos morte…”. Certamente, detrás do perverso ataque político, a realidade fálanos dunha situación alarmante que, de non reaccionar axeitadamente, será de funeral irlandés para o idioma galego.

Funeral ao xeito irlandés

Te puede interesar