Rememorando da longa noite

|

A efeméride deste día, sen dúbida algunha, continúa a estar marcada na memoria colectiva das e dos demócratas do extenso territorio peninsular, e mesmo mundial, coa cor vermella do sangue que con sadismo cruel, froito dunha planificada acción de exterminio colectivo do rival político e social, foi executado co rigor obsesivo dun verdugo psicópata que derivou a súa conduta a partir dun ilícito golpe de estado que se intentou camuflar no eufemismo de sublevación militar para desencadear un conflito armado que, neste curruncho galego, non foi tal senón unha pura e vingativa carnicería de represión e morte sobre as persoas sinaladas polo novo réxime imposto que fixeron uso de infames xuízos, absolutamente carentes da máis mínima garantía de legalidade, para producir condenas de morte por fusilamento; e, moitas das veces, só coa acción covarde agochada nos chamados paseos de morte directa que deixaron cadáveres guindados polas estradas, camiños e corredoiras galegas nunha dinámica de terror que ten un incontable catálogo de actuacións, prolongadas no tempo, simbolizadas na metáfora que se tira do libro de poemas de Celso Emilio Ferreiro: A longa noite de pedra. É o paso de “Atila en Galiza”, nas estampas dos albumes de Castelao, nunha continuidade inseparábel co de “Galiza Mártir”.

Memoria histórica de vítimas e feitos que claman por unha acción política que restaure “verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición dos crimes”, claramente de lesa humanidade, que veñen de ser obxecto de crítica reiterada polo relator especial da ONU que informa sobre a indiscutíbel obriga do Estado español, en aplicación do dereito universal e polos convenios internacionais que se teñen subscritos, da obrigación de acabar de vez coa impunidade do franquismo, e dos verdugos causantes dos crimes perpetrados, ata agora amparados pola amnistía legalizada que se produciu cos infames pactos da transición política e, para iso, resulta urxente derrogar aquel mandato legal, modificando a vixente Lei de Memoria, e de vez acometer a labor de “investigar, xulgar e condenar aos responsables”, evitando escusas para facer xustiza.

Aquí, San Simón na baía de Rande, incuestionable illa da memoria, novamente concentrará berro colectivo a prol dunha política pública de memoria para a realización dun programa de investigación, divulgación e homenaxe ás vítimas do franquismo coa necesaria aprobación dunha Lei de Memoria galega que amplíe os dereitos cativamente recoñecidos na norma estatal. Débeda democrática na honra das vítimas da represión. 

Rememorando da longa noite