Civismo, solidariedade e acción pública contra o coronavirus

|

Nos momentos duros, e este éo singularmente, é cando as persoas e as sociedades se poñen a proba. Estes días non podo máis que sentir orgullo ao ver como as veciñas e os veciños da Coruña, e o pobo galego en xeral, están a se comportar fronte á unha emerxencia sanitaria sen precedentes. Unha enorme e moi emocionante lección de civismo, de fraternidade, de solidariedade, é a que a xente está a protagonizar desde que o coronavirus comezou a se espallar no noso país e nomeadamente desde que foi decretado o confinamento de parte da poboación. O sentido de comunidade, de sermos un tecido social vivo, está estes días máis presente que nunca. Sabemos que nos temos os uns aos outros, as unhas ás outras. Desde o confinamento na casa ou desde os lugares nos que desenvolvemos os nosos labores profesionais cando non nos é posíbel o teletraballo, somos hoxe máis conscientes que en calquera outro momento da nosa recente historia de que somos pobo, de que os lazos que nos unen son a mellor arma para vencermos neste combate.

E que dicirmos da débeda que estamos a contraer todas e todos coas persoas que están a librar a batalla en primeira liña, nomeadamente as profesionais da saúde, o persoal sanitario que nos coida e que nos cura mesmo a custa de pór en serio risco a súa integridade e até a súa vida! Como imos devolver tanta xenerosidade! Médicas, enfermeiras, si, mais tamén as caixeiras dos supermercados, as e os empregados das gasolineiras, dos quiosques, dos estancos, das entidades financeiras... Supoño que vostedes terán como min un nó na gorxa cando pensan na súa coraxe. Non hai aplausos que paguen tanta entrega!

E que nos cabe facer aos que traballamos na area política? Pois o que, modestamente, penso que desde o BNG estamos a facer: pór toda a acción pública ao servizo da loita contra o avanzo da enfermidade. Iso é o que o nacionalismo galego defendeu desde o minuto un desta emerxencia. Eu propio tiven a oportunidade de o dicir no salón de plenos do Concello o pasado venres 13 de marzo: este é o momento de que todas as forzas políticas nos poñamos a disposición daquelas administracións públicas que, desde o ámbito das súas competencias, teñen recursos ao seu dispor para tentar frear a epidemia en primeiro termo e para, paralelamente, mitigar e paliar as súas secuelas sociais e econonómicas.

Por suposto, iso non significa suspender a crítica e a capacidade de presentar propostas propias, mesmo distintas das que se instrumentan desde os poderes executivos, e moi singularmente desde o Goberno central. Deste xeito, o noso deputado no Congreso Néstor Rego, ao mesmo tempo que tendeu a man para prestar toda a colaboración posíbel ao Executivo de Pedro Sánchez, avogou na Cámara por que se fechase Madrid por ser o principal foco de expansión do virus -como na China se fixo coa provincia de Hubei ou en Italia coa Lombardia- e por que se blindase Galiza, como por certo xa se ten feito coas Illes Balears, para garantir a menor afectación do noso país.

No Concello tamén nos puxemos a disposición do Goberno Local e igualmente fixemos propostas cuxa materialización agardamos que se efectivice por considerarmos que serían de moita axuda quer no plano sanitario quer no socioeconómico. Nese sentido, na Xunta de Portavoces realizada o pasado mércores, puxemos sobre a mesa a necesidade de impulsar un paquete de medidas dirixido a protexer os colectivos máis vulnerábeis e a impedir que a crise sanitaria leve aparellada unha profunda caída da actividade económica. O Concello pode e debe adoptar decisións en materia fiscal (coa redución de tipos impositivos ou coa prórroga dos prazos de pagamento dos impostos municipais) e pode e debe demandar reformas lexislativas, á maior brevidade posíbel, que lle permitan, por exemplo, dedicar o seu superávit a investimento ou aumentar a súa capacidade de endebedamento para achegar máis recursos financeiros que estimulen a economía produtiva da cidade.

Canto ao combate á pandemia, propuxemos tamén que se asegurase a dotación de equipos de protección individual a todo o persoal do Concello con exposición ao público e que se garantise o imprescindíbel reforzo de servizos como o 010, a atención a domicilio ou as bolsas comedor para nenas e nenos.

Na mesma liña de colaboración, a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou ao presidente da Xunta a proposta de impulsar un paquete de medidas de contención da pandemia e de protección aos sectores máis atinxidos pola paralización da actividade económica.

Non podo concluír estas liñas sen un recordatorio ás vítimas mortais do coronavirus e sen enviar unha forte aperta ás súas familias e amizades nestes dramáticos momentos. Todos sabemos que fica por diante un duro combate e que canto máis fortes sexan os lazos entre todas e todos nós, cantos máis solidarios sexamos, canta máis reforcemos o sentido de pertenza á comunidade, antes venceremos esta batalla.

 

Civismo, solidariedade e acción pública contra o coronavirus