Opresidente da Xunta dixo que ía aproveitar a visita a Cuba para facer contacto cos 38.000 galegos e galegas que hai na illa, algo que non lle podía ser sinxelo, porque en realidade os residentes son ¡moitísimos menos! Unha cousa son os que teñen nacionalidade española e figuran inscritos nalgún concello galego, e outra moi distinta as persoas que naceron eiquí, sen por isto restar o valor que poda ter o aspecto sentimental ou simplemente instrumental da cidadanía. A maior parte das persoas que figuran anotadas nos consulados son cubanos/as, arxentinos/as, uruguaios/as, etc., xa que naceron e viven neses países, teñen comportamentos culturais que lle son propios, e un grao de prioridades no que Galiza non está en primeiro lugar nas súas relacións humanas. Ignoralo sería de miopes.
É verdade que en moitos estados nos que houbo unha forte emigración galega quedaron palabras e comportamentos, e mesmo importantes contribucións políticas, sindicais e culturais, que se combinaron coas doutras orixes para construír novas identidades colectivas. Esta contribución é a que temos que reivindicar, non a de sumar galegos e galegas que non existen, para alén do dereito de voto (un aspecto que non está exento de debate).
Un exemplo desta diferenza entre o CERA (electores residentes ausentes) e os emigrantes no exterior fica reflectido no censo da Arxentina do 2010 que daba un total de 94.030 persoas nacidas no Estado español (a maioría de Galiza) mentres que no CERA estaban anotadas 307.767 persoas. Ou sexa, tres veces máis. Agora ben, hai menos tempo que rematou a emigración á Arxentina que a Cuba, polo que o diferencial entre emigrantes e votantes segundo o CERA é maior na illa. En Cuba viven hoxe só uns poucos miles de galegos e galegas.
A emigración masiva a América rematou hai medio século. Hoxe o fundamental é manter viva a nosa contribución naqueles países e aproveitala para estreitar relacións no eido cultural, económico e político. Supoño que a viaxe a Cuba de Núñez Feijóo tivo esencialmente esta finalidade. A escusa dos numerosos emigrantes non ten fundamento, para xustificar a visita á illa.