Gobernarmos en coalición

Disque a forza de goberno perderá a maioría absoluta  en varias das nosas principais cidades. E xa hai quén prognostica as grandes pragas do Exodo. Cando as maiorías absolutas son circunstancias inducidas polo pouco aquelado sistema D´Hondt, entregándolle o goberno a partidos  con menos do 45% dos votos e, ás veces, con menos dun 28% dos electores.
Na meirande parte da Europa máis avanzada funcionan os sistemas proporcionais (Bélxica, Holanda, Suecia, Noruega, Dinamarca, Alemaña, Austria, Escocia, Gales) e, xa que logo, os gobernos dun só partido son máis exóticos ca un gatipedro. Os analistas e xornalistas deses países  adoitan concluir ao día seguinte das eleccións que a cidadanía quixo un goberno de varios, que o pobo ordenou que varias opcións senten e falen para chegar a un acordo. E aí xoga a capacidade de cada quén para chegar a acordos. O normal será que a forza máis votada lidere os esforzos para chegar a un goberno, mais daranse casos (pensen nun alcalde con maioría absoluta moitos anos que a perde) nos que poderá haber gobernos de coalición alternativos. Será, entón,a responsabilidade de todos os que os partillen darlle canle á competición e potenciar a cooperación para que a cidadanía avalie a xeito a resultante.
No caso do Estado español, a hexemonía do bipartidismo dinástico levou proxectar a idea de que os gobernos de coalición son gaiolas de grilos ou pactos entre perdedores. E nada máis lonxe da realidade. Son, de feito, as formulacións cotiáns dos gobernos locais, territoriais e estatais da Europa maioritaria, onde sistemas maioritarios coma o británico (  cun partido que con menos do 37% ven de quitar 331 dos 650 deputados) son, por sorte, unha excepción.
Certo é que, na nosa Galicia, as coalicións non tiveron boa sona, malia que constituiron os gobernos máis próximos ao cidadán, máis modernizadores e menos autoritarios. Velaí os gobernos locais  que xurdiron do Pacto do Hostal (1979-1983), que democratizaron e modernizaron os nosos concellos.Ou os proprios gobernos de coalición na Xunta (1987-89 e 2005-2009), que salientaron pola súa capacidade de transformación e atención aos problemas da cidadanía, malia o curto das súas experiencias.
A quén lle pon medo as coalicións? A quén quere gobernar a todos dende unha minoría máis ou menos activa e cohesionada.

Gobernarmos en coalición

Te puede interesar