BASILIO ÁLVAREZ E ACCIÓN GALLEGA

Irmandiños, Acción Galega, Suevia… son nomes que saíron ao dominio público como correntes ou novos partidos impulsados polos descontentos do BNG. É fácil supoñer que nos próximos días haxa máis agrupamentos de disidentes das filas da formación nacionalista predominante nos últimos anos no panorama político galaico. Aínda que moitos dos seus integrantes veñen de lonxe, a selección da denominación destas novas sensibilidades, como lles gusta dicir, semella que foi proposta por alguén cun mínimo de coñecemento da historia deste territorio ou que pasou por un curso de iniciación e perfeccionamento.

Non destacaron os nacionalistas do Bloque polos seus coñecementos do idioma galego e o máis grave é que nin sequera se molestaron en aprendelo e dominalo, máis alá do seu castelán de tradución oral. Menos mal que desapareceu o chamado colectivo Inzar, de desafortunado nome. Esta palabra ten compoñentes negativas en todo o seu significado. Calquera galego sabe que fai referencia a estar algo ou alguén cheo de malas herbas, piollos, virus e así até a lista completa de elementos prexudiciais para a vida humana, aínda que esta sexa galega.

Cando penso nun universitario metido a político nacionalista predicando polos pobos, vilas e aldeas ante uns cantos veciños que era de Inzar e que viña a predicar a boa novo da resurrección galega, non fago máis que sorrir imaxinando as sinapses neuronais dos asistentes que traducen o mitin como a chegada da mala herba. Propio dunha regueifa, con foguetes incluídos, e unha mostra máis de que os nacionalistas galegos de esquerdas difundiron o seu pensamento sen ter en conta a quen o dirixían. Como cando falaban da clase traballadora e da loita do proletariado ante un grupo de veciños agrogandeiros de Arzúa.

Teño a dúbida de que Teresa Táboas coñeza en profundidade a xénese de Acción Gallega, nome que parece tomar para a súa nova aventura política. Polo menos é de agardar que a arquitecta se informase un pouco das aventuras de Basilio Álvarez, todo un personaxe que se merece máis dunha película e que foi o fundador do antedito partido nos albores do século pasado. Aquela formación foi todo un referente da loita agraria e que tiña un himno, escrito por Ramón Cabanillas, no que se animaba a degolar caciques con fouciño, a arma tradicional galaica no medio rural para solucionar problemas de leiras ou de partidas de cartas.

Este crego díscolo que foi Basilio Álvarez si que sabía como dirixirse ao seu electorado. Hai que recoñecer que xogaba con vantaxe porque tiña acceso aos pensamentos e segredos dos votantes mediante as súas confesións de pecados e malas intencións. De feito os seus discursos eran célebres pola súa lendaria facilidade de palabra, traballada desde o púlpito e adaptada a cada veciño, que foi un precursor dos mitins 2.0. Agora só falta saber se Táboas e os seus acompañantes de aventura estarán á altura do sacerdote rebelde.

BASILIO ÁLVAREZ E ACCIÓN GALLEGA

Te puede interesar