A vaca no futuro climático

|

Para sinalar a importancia económica da vaca no ámbito rural galego, alén do imparábel retroceso que para as explotacións agrarias representou a subordinación ás políticas gandeiras impostas no proceso da adhesión estatal ás institucións europeas, probabelmente nada mellor expresado que o dito por Castelao no seu Sempre en Galiza, establecendo un claro paralelismo entre o carácter do animal e a situación actual e futura do país: “Val máis o que significa unha vaca que o que representa un león rampante.


Xa o dixo un dos nosos economistas, a árbore xenealóxica dunha vaca de leite é máis útil que a árbore xenealóxica dun aristócrata. A vaca esqueceu os seus cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos pode dar máis”.


Certamente, aquí non chegamos á metafísica do hinduísmo que considera a vaca un animal sagrado, coa implicación consecuente de non poder ser matada e menos aínda comer a súa carne.


Todo en base ao ideario dunha relixión que asume a reencarnacións das especies animais nunha cadea na que da condición de diaño á de ser humano deben pasar oitenta e sete veces, sendo a de vaca xustamente a que precede ao estado de persoa e daquela, por pura lóxica, se matas unha vaca impides que naza un individuo.


Secasí, Bill Gates vén de publicar “Como evitar un desastre climático”, un novo libro no que propón varias medidas para evitar o colapso da civilización humana coa colaboración de físicos, químicos, enxeñeiros, biólogos, economistas e sociólogos. Un vademecum de conclusións nas que o fundador de Microsoft afirma que investigou durante unha década o fenómeno do cambio climático derivado da nosa actividade perante o Antropoceno, a primeira vez ha historia do planeta en que a especie está voluntariamente poñendo en risco a súa propia supervivencia.


Xa que logo, hai que parar o metano. E para iso, o magnate, argumenta que a gandería, a gran escala, é un dos maiores factores no quecemento da atmosfera pola súa emisión deste gas, inmensamente máis nocivo que o CO2 pola súa incrible capacidade de absorber calor.


Sumado a iso, engádese o consumo de auga desmedido que representa esta actividade. Propón, como solución, o consumo de carne sintética. Velaí, outra vaca máis no millo. Tempo de adaptación á crianza ecolóxica. A vaca polo que vale. Vaiche boa. 

A vaca no futuro climático