España, exemplo de saúde democrática

Sen perder de vista o que fan as democracias máis avanzadas, España pode mirarse hoxe no espello da súa propia experiencia despois de máis de catro décadas de democracia para concluír que estamos a vivir a mellor etapa da nosa historia.


Ás once da mañá do domingo 14 de febreiro as 8.247 mesas electorais estaban, todas, constituídas e funcionando con normalidade plena, se se pode chamar normalidade a todo o que acontece nun mundo marcado pola pandemia máis brutal do último século.


Máis de cinco millóns e medio de cataláns estaban chamados a escoller aos seus representantes. Nin as tensións inherentes á situación política de Cataluña, nin os condicionantes derivados do coronavirus puideron embazar un feito esencial: a media noite, con absoluta normalidade, o escrutinio estaba rematado e os resultados eran públicos, datos non cuestionados e asumidos con naturalidade por todos os partidos que participaron no proceso, os que gañaron e tamén os que perderon.


O pasado 3 de novembro os cidadáns dos Estados Unidos acudían a votar. Máis alá do clima xerado por un dos candidatos e das tensións vividas durante esa xornada, houbo que agardar ata o 7 de novembro para coñecer os resultados, sen que o escrutinio definitivo estivera feito ata o 24, 21 días despois das eleccións. O que aconteceu durante esas semanas na que se ten como a democracia máis avanzada do planeta é de todos coñecido, co asalto ao Capitolio como punto culminante dunha política errática e que atopou no enfrontamento a ferramenta perfecta para apuntalar a unha persoa por riba de calquera outra consideración.


Dous procesos electorais, dúas formas de resolvelos. Non hai discusión sobre cal dos dous ten que servir como exemplo. Estou orgulloso deste país, orgulloso dos seus cidadáns e orgulloso de que España goce dunha democracia plena que demostra, incluso en momentos difíciles como os actuais, que os cimentos son firmes.


Creo que iso non debe impedirnos dar un paso adiante para reforzar a calidade democrática do noso sistema. Vexo como mínimo necesario a reforma da xustiza, unha nova lei electoral, a reestruturación da administración pública e unha mellora nos procesos de rendición de contas. Tamén agardo que se reforme a lei de seguridade cidadá, a coñecida como “lei mordaza” e que xa foi recorrida no Tribunal Constitucional polo PSOE en maio de 2015.


Son partidario de que as reformas estruturais do noso sistema se fagan co maior consenso social posible, fuxindo das posicións extremas e cunha visión a medio e longo prazo como se fixo fai 43 anos cando se elaborou a Constitución.


España é un estado con normalidade democrática plena, onde conviven posicións políticas ben diferentes e onde precisamos de menos vómitos populistas e máis propostas útiles. A política ten que servir para traer paz e avances sociais, non medo nin confrontacións estériles.

España, exemplo de saúde democrática

Te puede interesar