PESCAR NO RÍO

Como tódolos anos, coa primavera abriuse a veda da pesca nos ríos da nosa Galiza. O 18 de marzal preto de cen mil seareiros, cos seus aparellos noviños de todo, invadiron ríos, regos, regueiros e regatos pequenos. Xa no río, debaixo de cada árbore, de cada ramallo, en cada recuncho, un home agochado cunha cana na man, malia que nunca foi máis difícil achegarse ao río. Licencias, cotos, tamaños, número de exemplares, cebos non permitidos.... etc, todas son trécolas para o pescador de cana que emprega como engado miñocas, besbellos, grilos e saltóns ou ben, os máis finos, culleriñas e moscas de tódolos cores.

Aquí un agarimoso recordo ao gran Biribí: Contaba o meu pai que levaba ao río unha caixiña con fíos de cores, collía un mosquito dos que voaban por riba da auga e facía un cuspidiño co que pescaba troitas a esgalla, unha tras outra. Seica cambiaba o modelo varias veces nunha xornada de pesca dependendo do sol, das nubes, da hora... etc. O problema dos nosos ríos non está nos troiteiros senón nos vertidos, no refugallo, nas redes, na electricidade, no lixo, na lixivia, nos goxos e nas herbas maceradas entre outras falcatruadas.

Dende hai tempo púxose de moda a pesca sen morte que consiste en devolver os peixes ao río. Acadaremos á volta de poucos anos unha xeración de troitas vellas, resabidas e mesmo desdentadas. Por riba de que non é esta modalidade unha solución, non estou eu dacordo por dúas razóns, unha porque goréntanme as troitas fritidas con unto e cun lisco de touciño no bandullo e a outra porque algúns pescadores somos vaidosos e gústanos presumir do que pescamos. Isto sen chegar ao extremo de aquel cazador da miña nenez que cando volvía da caza paseaba rúa arriba e abaixo coa escopeta ao lombo amosando as pezas cobradas. Eran outros tempos. Hoxe en día, entre unhas cousas e outras, pescar no río é chorar.

PESCAR NO RÍO

Te puede interesar