Arteixo inaugurará a competición este domingo

Arteixo inaugurará a competición este domingo
Copia de Deporte Campeón-2014-04-24-025-8fc43882

 Seis probas de ciclismo de montaña, todas as que forman parte do calendario oficial da Federación, incluiranse este ano no II Circuíto Deputación da Coruña de BTT-XC que comezará este domingo en Arteixo.
O presidente da institución provincial, Diego Calvo, presentou onte o evento xunto ao presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, e máis a vicepresidenta provincial, Mariel Padín, e Francisco Lens e Ricardo Terceiro, vicepresidente e xerente da Federación, respectivamente. Asistiron ademais representantes dos clubs ciclistas responsables da organización das distintas carreiras.
Durante o acto, Calvo salientou os bos resultados obtidos no Circuíto o ano pasado, cunha media de participación de entre 150 e 180 ciclistas por proba. Ademais, explicou os motivos que levaron á Deputación a poñer en marcha esta iniciativa.
“En primeiro lugar, para dar resposta a unha demanda dos clubs, pero tamén porque cremos que é necesario unificar nun único premio provincial todas as probas oficiais que se celebran,como un aliciente máis para os deportistas”.  
Co fin de colaborar na organización das probas, a cargo dos clubs ciclistas da provincia, a Deputación achega un total de 4.800 euros á Federación Galega, que será a encargada de realizar o reparto.
O presidente da Federación, Manuel Tallón, agradeceu a implicación da institución provincial na promoción do ciclismo.
En canto conclúan as probas, desde a Deputación da Coruña organizarase unha gala de entrega de premios na que se dará un trofeo aos gañadores de cada categoría.
As competicións están abertas tanto a ciclistas federados como non federados, aínda que estes últimos deberán contratar un seguro para o día de desenrolo da carreira. Todos os interesados en participar deberán inscribirse antes do xoves inmediatamente anterior á disputa da proba.
As probas incluídas no II Circuíto Provincial de BTT-XC terán lugar en Arteixo (este domingo), Dumbría (11 maio), Cambre (31 maio), Mugardos (7 xuño),  Rianxo (14 xuño) e Oleiros (21 xuño).

Arteixo inaugurará a competición este domingo

Te puede interesar