A actualidade pasa pola mesa de mezclas

A actualidade pasa pola mesa de mezclas
Carlos Blanco e Xosé Manuel Budiño presentan o venres un espectáculo de monólogos rapeados

puticlú  “ilalelo”

Ábrese o telón e aparece Xosé Manuel Budiño nunha mesa de mezclas e Carlos Blanco facendo de MC da actualidade. A parella de artistas traballan no seu novo espectáculo “iLalelo” de DJ e rapeiro para agrupar retallos que recollen dos muros do facebook. Trátase dun labor de rastreo onde os artistas son coma pointers que levantan a pata alí onde poden sacar punta. Apodéresanse do boca a boca e rebozan todo o investigado con versos e humor. Pero, sobre todo, moita retranca.

Así que se ben Blanco vai ganduxando frases que pesca das redes sociais, Budiño pon toda a súa creatividade nos fogóns, tamén chamados platos. O resultado é unha sesión de hip hop que ten o don de hipnotizar ao público e metelo no saco para que repita estribillos e coree “lalalás”. Conta o pequeno Buda que o intérprete fai participar a todo o mundo, que acaba por repetir hits da talla de “Para beber viño, apúntase calquera. O carallo é pagar sulfato”.

Para iso, fai uso da retranca na versión 2.0 e constrúe en cada sesión monólogos rapeados diferentes cunha base en común. A que trae preparada da casa. O resto ten que ver co que saiu onte nos xornais ou co “trending topic” do día. Deste xeito, a actualidade local e universal póñense ao servizo do enxeño de Blanco para facer arte con rima. Que se deixa levar polo que pincha.

O gaiteiro de Moaña comenta que hai tempo que lle apetecía volcar toda a súa creatividade nun proxecto así. Para iso, sacou o equipo electrónico que tiña na casa para fóra e colleu da man a Carlos Blanco: “Eu cociño a medida que o público o vai pedindo”.

E os monólogos viaxan lentos ou á présa dependendo de como de receptivos estean os espectadores. Explica Budiño que leva moitos anos na electrónica compoñendo para os seus propios discos ou traballando para os demais pero que nunca se subira ata o de agora a un escenario para facelo en directo.

Os dous levan unha xeira de cinco actuacións e preparan a deste venres, no Puticlú, cun chisco do que se respira no mar do Orzán. A actuación, que comezará ás 22.30, será unha das moitas que teñen programadas para esta primavera antes de que chegue o verán e a parella de artistas leven o humor a pacer sobre a herba. Din que queren ventilar o espectáculo en espazos abertos para que as risas vaguen libres. As entradas teñen un prezo de doce euros e pódense adquirir na tenda Nicetrip. En taquilla, custarán quince.

 Xerme > Se hai que buscar un xerme da montaxe do venres, este está en xullo de 2003, en medio da actuación que Xosé Manuel Budiño deu no Festival de Ortigueira, cando entre o público o gaiterio decátase por casualidade da presenza do seu amigo Carlos Blanco e invítao a que suba. De repente, o actor vénse arriba e opta por rapear un rato. O músico conta que foi todo un éxito e que os máis de trinta mil presentes volcáranse co actor e a súa forma de irrumpir no escenario.

E pasou que esa imaxe quedou gravada nas retinas de ambos ata que oito anos máis tarde decidiron pecharse no estudo do moañés a ver que saía. Música, humor e ironía en fila india. Poemas imposibles envoltos con asfalto e electrónica.

A actualidade pasa pola mesa de mezclas

Te puede interesar