Os 25 anos do Torrente Ballester levan á Deputación a preparar “algo especial”

mariel padã­n, diego calvo e josã© antonio ponte presentaban onte as dez convocatorias javier alborã©s
|

A Deputación repartirá este ano 114.500 euros nos nove certames culturais convocados, co engadido de que o premio de lingua Rosalía de Castro estrea dotación económica. En concreto, o mellor proxecto en defensa do galego recibirá 4.500 euros no ano no que “Cantares Gallegos” está de 150 cumpreanos.

É así como a institución chamará aos creadores de arte gráfico na oitava edición do Premio Jesús Núñez, dotado con 6.500 euros, e aos de banda deseñada no tamén oitavo Premio Castelao. Os dous estarán compensados con 6.500 euros igual que o décimo Premio Andrés Gaos, de composición musical; o decimosexto Premio Rafael Dieste de teatro e o noveno Manuel Murguía para as obras centradas nalgún fito histórico referido a Galicia. No caso do quinto Concurso de Rock, a Deputación distinguirá aos primeiros cinco clasificados, que participarán nun concerto.

A institución repartirá preto de 115.000 euros entre nove certames culturais

O calendario de galardóns proseguirá co noveno Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, tamén de 6.500 euros, e o oitavo Isaac Díaz Pardo de artes plásticas, que implica a compra por parte do organismo da composición gañadora por un importe máximo de 45.000 euros e unha exposición colectiva itinerante. Sen dúbida, a distinción máis sonada de todas, a do Premio Torrente Ballester terá este ano un protagonismo especial ao chegar ao cuarto de século. O 25 aniversario da convocatoria celebrarase, segundo o presidente Diego Calvo, dunha forma especial “cun calendario de actividades paralelo”.

O premio de lingua Rosalía de Castro estrea unha dotación de 4.500 euros

O responsable sinalaba que os dez son “premios abertos a calquera persoa, sexa ou non sexa profesional, que contan cunha dotación suficiente para axudar a empezar un camiño profesional”. Pola súa parte, o experto na obra de Torrente Ballester, José Antonio Ponte, acudía á presentación en nome do xurado que outorga o premio literario. O experto lembraba a súa presenza no comité desde a súa primeira edición, “por iso podo dicir que o Torrente é un dos máis prestixiosos a nivel nacional e que, ademais, é un premio limpo e moi rigoroso”. Pola súa parte, Diego Calvo engadía que pola concorrencia de autores ao galardón, en concreto en 2011 chegaban á sede provincial 611 obras, a efeméride pedía unha atención especial e convidaba aos debuxantes a presentar as súas propostas ao Premio Castelao, para o que se abría onte o prazo. O resto das convocatorias publicaranse no BOP nos vindeiros días.

 

Os 25 anos do Torrente Ballester levan á Deputación a preparar “algo especial”