“Manuel María é un veciño da Coruña e iso reforzará o seu protagonismo”

“Manuel María é un veciño da Coruña e iso reforzará o seu protagonismo”
El Ideal Gallego-2015-07-12-008-7da87874

Para achegar a figura de Manuel María, bastará con cantar. Alonso Montero sábeo e tamén sabe que a visión reintegradora de Calero fai que quede atrás no ránking de votacións para elexir o homenaxeado das Letras. El cre que os académicos fano por prudencia nun momento no que di estar en sintonía co alcalde Xulio Ferreiro e no que o galego ten un problema. Estase a romper o fío xeracional e pais que falan en galego non o fan cos seus fillos, que estudan e len no idioma. A eles, teñen que ir dirixidos todos os esforzos porque perdida a fala, o idioma agonizaría de vez.

Preséntase un 2016 interesante na cidade co aniversario de Irmandades da Fala e Manuel María como protagonista o 17 de maio.
Empezando polas Irmandades da Fala, estamos deseñando actividades ao ser unha institución moi importante na historia porque lle dá unha nova perspectiva ao galeguismo. E chamándose da fala, calquera institución ten que estar atento, pero sobre todo a RAG, que é fundamentalmente unha academia da lingua. Estamos implicados xunto co Museo do Pobo Galego. De feito, vimos de asistir a unha convención para coordinar as actividades. A RAG poñerá o acento na lingua, na literatura e na comunicación, e tamén no teatro. Os aspectos políticos e historiográficos corresponderán a outras institucións. Haberá unha serie de actos cívicos tamén e por se fora pouco, estamos nunha sintonía perfecta co novo Concello. Ferreiro fíxonos unha visita de cortesía e xa tratamos o tema. O Concello, coa RAG ou sen ela, ve a necesidade de celebrar este aniversario.  

Máis alá do ideolóxico, que o alcalde e o goberno falen en galego é bo para o país, non cre?
Nós tivemos unha boa relación persoal con Carlos Negreira. Sería un desdouro facer calquera valoración crítica. El estaba nun ámbito ideolóxico, independentemente da súa peculiarade persoal, que non era propicio para defender e promocionar o galego as 24 horas do día. Ferreiro, independentemente tamén da súa peculiaridade persoal, está en outro ámbito ideolóxico e cando se falou das Irmandades, percibín a súa sensibilidade para coller a bandeira. De contar co anterior, seguramente non lle sería alleo, pero as cousas se poden coller nun 10% e nun 100%. 

Que se sumará a un protagonista das Letras Galegas que dará moito xogo nos colexios.
Manuel María foi un cultivador da lingua e un reivindicador da mesma en ámbitos moi distintos e así como outros protagonistas por seren máis eruditos como Filgueira Valverde e outros escritores non teñen eficacia, Manuel María vai a tela como poeta dos nenos e por ter a condición de ser un dos máis musicados. Hai tres meses fun falar a un colexio de Vilagarcia e tamén a Santiago de Filgueira Valverde. Estiven con nenos de doce anos e creo que non teño o talento suficiente como para converter en atractivo a figura de Filgueira, pero se dentro de nove meses me toca falar de Manuel María aos mesmos nenos, bastará con que cante para chegar a súa figura. Non se trata de quen é máis importante, se Filgueira ou Manuel María. A súa condición intelectual é distinta. É como falar de Einstein. Enténdese mellor a Belén Esteban ca Einstein. 

A Coruña será parada obrigatoria para lembrar a Manuel María. Que teñen pensado facer?
Os últimos anos da súa vida pasounos aquí. Por iso que Manuel María non é unha persoa da que só quedan os libros, senón que hai doce ou trece anos paseaba por María Pita e a xente tomaba café con el e conversaba. Manuel María é fisicamente un veciño da Coruña e iso reforzará o seu protagonismo.

Que pasa con Carballo Calero que non dá saído?
Pasa que nunca ten os votos suficientes para desbancar o que sae en primeiro lugar. Carballo Calero ten un dos grandes libros da gramática, é poeta e novelista e a súa vida foi dunha lealdade total á lingua e cultura galegas. Nos últimos anos, tivo un punto de vista sobre o tipo de galego no que se debía escribir que o situaron no reintegracionismo e isto é criticado por filólogos e tamén por algúns académicos. O feito de que se propoña e que non saia, quizais ten que ver con que os académicos pensan que cos problemas que ten agora o galego, sería un novo problema introducir a un protagonista que defende a causa reintegradora. Son persoas cun sentido práctico que cren que non estamos na situación de levar a un abandeirado do reintegracionsimo, pero hai que entender que foi un episodio final da súa vida. 

Pero que haxa variedade e dialectos é bo para a lingua, non cre?
O que non se pode é cambiar a normativa cada dous anos. As variedades e os dialectos enriquecen a lingua, pero a norma culta é a norma culta.

¿Cal é o principal problema do galego? Como cre que se trata o idioma na escola?
Estase rompendo o fío xeracional. Pais que falan en galego non o fan cos seus fillos, que acaban de facer un exame en galego no instituto. Este é o principal problema. Hai máis dun millón de persoas entre seis e 48 anos que estudan galego nun centro escolar. Escríbeno ben e teñen coñecementos literarios e boa ortografía. Claro que tamén poden non falar en galego e non ligar no idioma. Se teño que enumerar os problemas que ten o galego, daría para encher 25 ideais galegos. As palabras coas que me declarei por primeira vez foron en galego porque era a miña lingua do corazón, a miña lingua vital, pero na escola non podía dicir nin media palabra en galego. Se o facía, castigábanme. Agora os nenos saben que é o infinitivo conxugado e hai que traballar sobre iso. Como lingua literaria, está instaurada en toda Galicia, ten presenza nos medios de comunicación, pero se deixa de ser falada si que haberá un problema.

“Manuel María é un veciño da Coruña e iso reforzará o seu protagonismo”

Te puede interesar