Salgado Perillo loitará polo liderato da Liga Galega en augas de A Pobra

Salgado Perillo loitará polo liderato da Liga Galega en augas de A Pobra
a tripulación de perillo posa co último éxito colleitado este mesmo mes m.g.

 

As augas de A Pobra serán hoxe escenario da sexta xornada da Liga Galega B coa disputa da VII Bandeira Concello de A Pobra do Caramiñal, a partir das 18.00 horas.

O sistema de regata desta VII Bandeira Concello de A Pobra está condicionado pola xeografía da dársena, non sendo posible a montaxe do campo de regatas a 4 longos como é habitual, polo que celebrarase mediante o sistema de 3 quendas, con tres equipos por quenda, e 6 longos.

Na primeira quenda tomarán a saída Coruxo, Cesantes e Esteirana. Na segunda quenda participarán Rianxo, Puebla e Morrazo e na terceira, a quenda dos favoritos, veremos unha dura loita entre Mecos Mondariz, Salgado Perillo e Robaleira.

Nun campo de regatas como o desta Bandeira de A Pobra, con 6 longos e 5 ciabogas, o papel do patrón da traiñeira é moi importante, xa que unas boas viradas serán decisivas para lograr a vitoria final.

Na xornada de mañá disputarase a sétima xornada coa disputa da XVII Bandeira Concello de Bueu, organizada pola SDR Morrazo a partir das 11.30 horas.

O sistema de regata neste caso será de dúas quendas, catro equipos na primeira quenda e cinco na segunda, e 6 longos como na xornada de hoxe. Na primeira quenda saíran os catro últimos clasificados da xeral e na derradeira tomarán a saídas os cinco primeiros clasificados.

A clasificación da Liga Galega B segue comandada, tras catro regatas disputadas, por Mecos Mondariz con 30 puntos, seguida de Salgado Perillo con 27 puntos e na terceira praza Robaleira e A Pobra con 25 puntos.

Salgado Perillo, tralas dúas vitorias do pasado fin de semana en Rianxo e O Grove, tentará conseguir a terceira consecutiva e recortar distancias con Mecos Mondariz.

Por outra banda, a Liga Galega A desprazarase na xornada de hoxe a Vilaxoán e o domingo remarán en Ferrol. Hoxe dispútase a XVIII Bandeira Concello de Vilagarcía, ás 18.00 horas, e mañá a IX Bandeira Concello de Ferrol, ás 12.00 horas. n

Salgado Perillo loitará polo liderato da Liga Galega en augas de A Pobra

Te puede interesar