Reportaxe | O Rosalía, o primeiro portal “físico” para “Peter Brandon”

Reportaxe | O Rosalía, o primeiro portal “físico” para “Peter Brandon”
O equipo da webserie presentou onte no Playa o percorrido que terá nos vindeiros meses | patricia g. fraga

Pedro Brandariz defínea como a visión humilde da vida dun cómico que pode que sexa o rei do mambo aí enriba, no estrado, mais cando baixa é unha persoa coas súas alegrías e penurias e precisamente por iso e pola crítica que a produtora Porco Bravú fai ao sector audiovisual en Galicia, estancado e sempre ocupado polos mesmos, di o artista, a webserie “Peter Brandon” merece un clic desde o PC.


Brandariz protagoniza o proxecto que foi distinguido como o mellor no festival Carballo Interplay, en 2016, algo que lles deu a oportunidade de gravar este ano tres capítulos e unha preestrea na cita carballesa xunto á participación en Olloboi.


O seguinte pase será o 6 de xullo no teatro Rosalía, no que se verán tres capítulos, e do auditorio de Riego de Agua, paseará por distintas citas como os premios Fouciño, de Baio, até que a colguen en internet a partir de setembro. Segundo Brandariz, “Peter Brandon” dará moito que falar, “porque hai moita xente metida” e porque é unha falso documental sobre a vida dun cómico que “racha co que fai para atopar novas vías que o levan ao fracaso”. Si, o humorista coruñés confesa que é un drama revestido, iso si, de moitos gags, que serven para ironizar sobre como está o mundo da imaxe no país, da man “duns rapaciños novos con moitísimo talento e aos que lles está custando moito buscar un sitio”.


Así que un actor cómico fará de actor cómico, o que levará aos espectadores a cuestionarse que hai de verdade e que de mentira no conto: “Hai moito de certo nel”. Brandariz destaca o traballo do guionista Óscar Cruz porque “sen dicirlle eu nada, clavou ao personaxe”. Quizais, niso tivo algo que ver que as dúas profesións van por mundos bastante paralelos.

Guión
Dirixida por Jorge Boquete, “Peter Brandon, unha vida pola comedia” é a terceira serie da firma Porco Bravú. Unha comedia galega con tintes dramáticos que, cun estilo documental, satiriza o sector audiovisual a través duns personaxes inadaptados que queren atopar o seu lugar no mundo.


A punto de cumprir 40 anos, está confundido coa súa vida. Perdeu a ilusión polo seu traballo e séntese estancado profesionalmente. Quere dar o paso definitivo cara o seu éxito, facerse co público máis novo e ser recordado polo seu novo estilo de comedia.


Para conseguilo adopta unha nova identidade, a de Peter Brandon. O falso documental irá percorrendo os cambios que sofre o personaxe, amosando a súa vida fóra dos escenarios e facendo que o público sexa testemuña das súas derrotas televisivas e vivenciais.

Reportaxe | O Rosalía, o primeiro portal “físico” para “Peter Brandon”

Te puede interesar