De Nós a nós na Cidade da Cultura

De Nós a nós na Cidade da Cultura

A exposición “Galicia, de Nós a nós” reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles do outono, no que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós. O Museo Centro Gaiás exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que nas primeiras décadas do século XX contribuíron decididamente á renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

A segunda gran exposición do Xacobeo 2021 –tras “Galicia, un relato no mundo”– eríxese ademais como un proxecto de país co que o Goberno galego contribúe a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades da comunidade. En conxunto ceden obra para a mostra máis de 60 institucións e prestadores privados.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, Galicia, de Nós a nós propón unha viaxe desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días, e dá a coñecer unha revista que é referente imprescindible da cultura galega do século XX. Permite contemplar obras que foron obxecto de estudo de Nós, como o Santiago peregrino de Morlaix, na Bretaña francesa; o Cristo de Santa Eufemia de Ambía; ou os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista e permite rastrexar o devir da publicación.

Aberta até o 17 de xaneiro, pon o foco na vixencia dos principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega ou a necesidade de unha voz propia no mundo.

De Nós a nós na Cidade da Cultura

Te puede interesar