Manuel Portas trata de sacar o “extraordinario que hai nas vidas ordinarias” na súa nova novela, “Por puntos”

Manuel Portas trata de sacar o “extraordinario que hai nas vidas ordinarias” na súa nova novela, “Por puntos”
El Ideal Gallego-2019-06-15-036-5740647e

Unha ambientación chamativa, aínda que bastante ordinaria, como é un curso de recuperación de puntos do carné de conducir, da pé a unha “historia de historias que parte do infortunio” e que o seu autor presentou onte na libraría Moito Conto.

Trátase de “Por puntos” a nova obra de Manuel Portas, coa que conseguiu gañar o premio Eduardo Blanco Amor de novela hai tan só uns meses.

“É simplemente un retrato dun grupo de personaxes, coas súas grandezas e as súas miserias, pero perfectamente verosímiles que conforman unha foto fixa tirada en calquera cidade da Galiza actual”, conta Portas.

Este curso de recuperación de puntos é o punto de partida que une aos personaxes da novela e que xeran esta historia de soidades, “e ao mesmo tempo vista case desde un punto de vista traxicómico”. “Son un grupo de personaxes que buscan no amor diferentes concepcións desta palabra, buscan a solución a esa situación extrema na que se atopan moitos deles”, explica Portas sobre a novela.

Portas trata de sacar en “Por puntos” o “extraordinario que hai nas vidas ordinarias”, sen necesidade de adornos linguísticos para pintar esta realidade. “É fundamental que a xente recoñeza unha lingua sen afectación para poder introducirse no importante, que neste caso é a historia”, subliña Manuel Portas.

Até o momento a acollida da obra está a ser moi boa, “tanto a crítica literaria que se manifestou, como polas redes sociais e no contacto directo din que o pasan ben coa obra”, conta.

Tanto como para gañar o Blanco Amor de novela. Sobre a importancia dos premios, sinala Portas que “catapultan esa curiosidade” dos diferentes actores da sociedade, no só dos lectores, senón tamén doutros como os medios de comunicación.

Faceta educativa 
Manuel Portas é profesor no IES Xelmírez I de Santiago, do que tamén é director. Compaxina a atarefada vida escolar coa escritura, para a cal vai adicando os tempos libres. “A escrita é un pracer”, comenta o propio Portas.

A Portas podémolo coñecer pola súa faceta de divulgación sociolingüística, mais quen “goza da literatura, sempre ten ese elemento latente” que te fai plantexarte que ti podes escribir esa historia doutro xeito ao seu autor. “Eu dediqueime ao tema sociolingüístico, este país precisa activismo lingüístico para recuperar a normalidade e xunto á política encheron os meus primeiros 50 anos de vida”, conta Portas.

Manuel Portas trata de sacar o “extraordinario que hai nas vidas ordinarias” na súa nova novela, “Por puntos”

Te puede interesar