
redacción>a Coruña A XXI edición da Festa do Polbo volveu demostrar despois de dúas décadas o enorme atractivo da súa proposta. Só dúas horas bastaron para que as 4.000 racións de cefalópodo postas á venda no peirao mugardés deixaran á organización sen nada máis que ofrecer aos visitantes. Así, mentres o público dispuxo dos tickets ás 12.30 horas, e as primeiras racións comezaron a servirse ás 13.00, ao redor das tres da tarde a totalidade dos 1.350 quilogramos de polbo se repartiu, acompañada de cachelos, a un prezo de nove euros a ración. Tamén se consumiron neste breve espazo de tempo nada menos que 2.000 racións de empanada.
En canto á asistencia, os cálculos da Policía Local cifran entre 10.000 e 12.000 as persoas que asistiron a esta atractiva celebración gastronómica. Un dos máis sorprendidos e agradados polo éxito foi o propio alcalde mugardés, Xosé Fernández Barcia, que manifestou así as súas impresións sobre o resultado da cita. Foi algo insólito destacou, porque este ano aumentáronse 200 quilogramos máis de polbo con respecto ao ano pasado.
Non é a primeira vez que se remata coas existencias, feito que xa sucedeu o ano pasado por exemplo, o que sucede é que noutras ocasións a oferta concluía máis tarde das catro, cando aínda había algunha ración, mentres que este ano ás tres da tarde xa estaba servido todo o produto. Haberá que tomar nota para a edición do ano que vén.
Polo que respecta ás razóns deste éxito material e organización á marxe Fernández Barcia apuntaba á impagable axuda prestada pola climatoloxía. Se o día fose de sol, seguro que algunha xente non tería vido, irían á praia. Pero o día tépedo e tranquilo axudou a que a xente se animara a vir a Mugardos, confesaba a media tarde. Nese momento a vila aínda estaba ateigada de numerosos visitantes, que xustificaban o título de Festa de Interese Turístico para esta cita gastronómica.


Colaboracións > Club del Mar, o club de fútbol Galicia de Mugardos, a Rondalla Mugardesa, o Casino, a Asociación Cultural de San Xoán de Piñeiro e a cofradía Jesús Nazareno colaboraron co Concello de Mugardos na celebración desta cita que convocou a visitantes, non só locais o de Galicia, senón, como constataron desde a organización, de Madrid, Asturias e Castela-León.
Ademais do manxar preparado ao xeito mugardés (con refrito de aceite, cebola e pementón doce) a música animou o peirao durante toda a xornada. A charanga Kilomberos puxo a nota festiva, mentres que pola noite a verbena estivo animada pola orquestra América.

