A gaiteira Susana Seivane será a encargada de amenizar a noite de hoxe dende a táboas do escenario da praza de María Pita, cun concerto ás 22.30 horas.
Repite no mesmo lugar ao que acudiu xunto a amigos coma Xoel López, Rodrigo Romaní ou a súa familia durante as festas de 2012.
Que pode esperar a xente do concerto de hoxe?
Vamos facer unha especie de percorrido por todos os discos que levamos editados, centrándonos un pouco máis no último, en “FA”. E como é o 20 aniversario dende a publicación do primeiro disco, estamos a facer unha serie de espectáculos especiais. A min sempre me gusta implicar ao público e, neste espectáculo, farémolo moito máis, para facer un festexo todos xuntos.
Non é a primeira vez que pisa as táboas de María Pita.
Eu creo que a última vez fora no 2012, que fixeramos aquel concerto de “Susana Seivane e amigos”, con Xoel López, Rodrigo Romaní, a miña familia... E antes tamén estiveramos nas festas, tres ou catro anos antes.
E para este tamén traerá convidados?
Algunha sorpresa. Non será algo tan grande como no 2012, pero algunha sorpresiña sempre debe haber.
Como lembra o lanzamento daquel primeiro disco hai 20 anos?
A verdade é que o lembro coma se fora onte, pasaron vinte anos, pero pasaron rapidísimo. Lembro perfectamente o día que fixemos a presentación do disco para os medios, eu estaba supernerviosa. Vinte anos despois creo que o mellor é que teño máis ilusión que aquel primeiro día. Moitas veces me preguntan que consello lle daría aos nenos que están a empezar, e unha das cousas máis importantes que digo é que hai que ter moita ilusión, porque a ilusión é o que te vai empurrar cara arriba, cando tropeces con algunha pedra, porque vas tropezar nalgún momento.
Que mudou nestes 20 anos?
En vinte anos colles máis táboas, podes coller rexistros diferentes na gaita, pero creo que a esencia segue a ser a mesma. Pode ser que mudara cara un estilo máis moderno. Quizais o son mudou cara algo máis contundente e cañeiro.
Cambiaría algo destes 20 anos se tivese que voltar a 1999?
Si, si, eu cambiaría cousas (ri). Eu cando a xente di “eu deixaría todo como está”, pois eu sinceramente cambiaría algo, cambiaría para que as cousas nas que me equivoquei ou nas que me quixeron enganar, pois foran o menos malas posibles. Non quere dicir que non estea superorgullosa de todo o que teño feito e de chegar a onde cheguei. Non contaba con durar estes vinte anos.
E ata cando se ve enriba dos escenarios?
Vinte anos despois sigo coa mesma ilusión, pero estou moito máis cansa (ri), cando comezaba, con vinte anos, que me botaran o que fora por riba, agora a miña vida persoal cambiou moito, son mamá de dous nenos, ss viaxes, pasar días en vela... E vinte anos máis enriba do corpo, queiras que non, por moi ben que me conserve, que eu seino (ri), nótanse, nótase o cansancio. Así que non che podo dicir como vou estar noutros vinte anos (risas).
Como é a relación cun instrumento que fan vostedes mesmos e levan tantos anos?
Eu sempre digo que ser gaiteiro é unha maneira distinta de vivir, é unha filosofía de vida, unha maneira de ser. Hai unha gaiteira que está a levar moitos premios, que se chama Nadia Vázquez, que é moi xovenciña, e di que "se non fóramos valentes, non seríamos gaiteiras". Non se pode aplicar tanto a hoxe, porque os artesáns evolucionaron tanto a gaita que podemos compartir escenario con outros instrumentos sen problemas de afinación. Antes os gaiteiros sufrían moito á hora de afinar.