O don compartido de levar a emoción

28 mayo 2014 A Coruña.- El grupo de teatro Valacar representó ayer en el centro Ágora la obra "Somos tan imbéciles", que está escrita y dirigida por Lino Braxe
|

Porque a discapacidade visual non vai reñida co talento que se afía no mundo do teatro afeccionado, o Colón presenta a semana que vén a cuarta mostra de teatro amador no que a compañía Valacar recalará o mércores, ás 20.30 horas, con “Somos tan imbéciles”, unha peza dirixida e escrita por Lino Braxe coa que os actores, o 80 por ciento deles cegos ou sen apenas visión, farán rir á butaca. 
Conta o dramaturgo que despois de traballar dous anos con este grupo de xente, a satisfacción é dobre porque viven o feito de subirse ao escenario de maneira extraordinaria e dentro do elenco, “hainos que o fan moi ben”. A compañía vinculada coa ONCE será a primeira en saír ao estrado para confirmar que a parte afeccionada pode aportar máis ca profesional nunha recreación dun programa de televisión no que van dando paso a conexións nacionais e internacionais: “Hai un intérprete que é a que fai de cicerón e dá pé ao resto”. 
Explica Braxe que a obra sufriu modificacións porque as novas de actualidade que pasearon nas primeiras representacións quedaron rancias e foron substituídas por outras que levan a falar de Bárcenas, Rato e Obama. Chegan ao Vaticano para entrevistar ao probador de alimentos do papa Francisco e coquetean coa mafia para meter na ensalada ás preferentes e Díaz Ferrán e salpimentar así o auditorio con humor ácido. Braxe sinala que no elenco participan desde persoas de 30 anos até os maiores, que levan con Valacar desde que comezou hai 24 anos e que teñen sobre 75: “Se un vai a velos, o que lle chama a atención é que emocionan moito”. Víveno e isto reflíctese na acción que reparten en hora e dez minutos. 
Despois do aplauso final, os protagonistas sentaranse a unha mesa para falar do seu traballo e a mostra continuará o 15 con “La vida es sueño”, de Jueves Te-Antro. O venres, o ciclo completarase con “Caso Retrete” de Trotaconventos, e o sábado poderá verse “Tan perfecto no te quiero”, de Sal-Monela. 
Os de Valacar non terán tempo para o descanso porque o día 22 se irán de estrea ao centro Ágora. Alí desplegarán unha colección de contos inspirados nas obras de Dieste e Castelao baixo o título de “Os arquivos da vida”. Para voltar a cultivar a emoción sobre as táboas, dirixidos cunha variña máxica chamada Lino Braxe.

O don compartido de levar a emoción