Reportaxe | Como facer un GIF das mellores escenas que pariu o audiovisual galego

Reportaxe | Como facer un GIF das mellores escenas que pariu o audiovisual galego
Brais Romero impartirá a sesión xunto a María Yáñez | tamara de la fuente

A Academia Galega do Audiovisual prepara para a xornada do 24 un obradoiro de Micronarrativas “Gifaton”, no centro Ágora, no que os participantes converterán en GIF escenas do audiovisual galego, de series míticas como “Pratos combinados” a películas con aplauso final como “Dogs”, que arrasou o ano pasado nos premios Mestre Mateo. Estará pilotado por María Yáñez e Brais Romero, que conta que a base do conto estará en acotar reaccións e momentos graciosos, “imaxes que forman parte da memoria” porque “sempre son de pelis e series que veñen de fóra”.

Por iso, os asistentes á sesión collerán a lista de vencedores dos galardóns e outros clásicos gardados polo CGAI para facer arte en décimas de segundo nunha iniciativa por fomentar a calidade do que sae entre Pedrafita e Combarro. Desde “León y Olvido”, “Un franco 14 pesetas”, “O ano da carracha”, “Cela 211” a “O lapis do carpinteiro”, a técnica a usar será moi sinxela, conta o experto, “non se coñece o procedemento de como facer un GIF, pero todos os empregamos”. Cun repositorio deles made in Galicia, os usuarios poderán completar as súas misivas con Luis Tosar, traballado frame a frame, fotograma a fotograma ou manipulando unha imaxe a través da plataforma Giphy. 

Sinala Brais que é como o cine, pódese baixar algún programa de edición tipo photoshop ou ben acudir a tutoriais para facerse con ferramentas on line, pero insiste en que, en xeral, é simple. Iso si, admite que ao tratarse de novas narrativas, resultan estrañas ao primeiro. Ante o que ten que ter un GIF para triunfar, Romero conta que non sabe a fórmula, pero si que deben interpelar a unha universalidade, “algo recoñecible, unha situación común”. 
Ademais, terán que contestar a emocións, “a dicir que si ou que non, a estar enfadado” ou ben estar protagonizados por personaxes estereotipados tipo o xefe ou a avoa, roles universais, “esa é a clave, enfocalo para unha linguaxe e non ir a cousas moi específicas”. O que se persegue no mundo dos GIFS é o impacto, canto antes chegue, mellor é. Despois, está dar coa palabra precisa. 
Non serán os primeiros feitos no país, polas redes circulan moitos aínda que en menor cantidade. A idea é crear un banco grande de minicreacións galegas porque están pouco explotadas. 
Romero anima a participar na cita. Os interesados teñen que enviar un correo a producion@academiagalegadoaudiovisual.gal antes do 22. A actividade é de balde para os membros da academia. Para o resto, ten un custe de cinco euros.

Reportaxe | Como facer un GIF das mellores escenas que pariu o audiovisual galego

Te puede interesar