Carlos Babío | “O de Meirás foi un ‘macroespolio’ do que se lucran os Franco e as elites coruñesas”

Carlos Babío, diante dun dos accesos ao Pazo de Meirás | Pedro Puig
|

Durante anos buscou “a verdade”, a historia oculta pola dor de quen, coma a súa avoa, tiveron que ceder a súa vivenda para engrandecer a propiedade entregada a Francisco Franco en plena Guerra Civil. Para Babío, o do Pazo de Meirás é un “macroespolio” do que se lucra o propio dictador, pero tamén as elites de A Coruña.

Vostedes consideran que os resultados das súas investigacións demostran o “espolio de Meirás”.
En corenta e dous anos ninguén se atreveu a publicar nada serio, contrastado, sobre o Pazo de Meirás. O que hai está basado fundamentalmente na memoria oral e nas experiencias persoais ou de terceiros. Pero non existe ningún traballo sobre todo o proceso que culmina coa entrega do pazo a Franco. Por iso e polas fórmulas que empregaron as administracións públicas franquistas e os propios Franco, resultou complicado. Porque hai que dicir con toda claridade que os Franco son os que instigan e os que demandan ás administracións a actuar de determinado xeito para acabar convertendo Meirás nun tráfico de favores entre as administracións e a propia familia do dictador. Foi moi difícil casar as pezas porque atopabas unha peza do ano 41 que non cadraba con outra do 38, ou unha do 58 que non casaba coa do 41…

Por que?
Porque van modificando todos os métodos. A magnitude do espolio de Meirás é sorprendente no seu conxunto e incluso converte ese espolio inicial ligado ás suscripcións nunha “anécdota”. Entre comiñas, claro, porque levaba aparellado un abuso, unha economía de guerra que aplican as novas elites político-sociais ao tomar as institucións da Coruña e Galicia.

Economía de guerra na Coruña?
Si. Tiña dúas características fundamentais: a requisa e o abuso. Iso practicábase a través do que eles chamaban “subscricións populares”, sendo a máis importante a denominada “subscrición nacional”, que era a encargada de sufragar as necesidades bélicas. A subscrición Pro Pazo del Caudillo é una copia exacta desa “subscrición nacional”. Aquí, as autoridades coruñesas –franquistas– aplicaron toda a experiencia na requisa practicada desde o 36 ata maio do 38, que é cando poñen en marcha a Pro Pazo de Meirás.

Canto tempo dura esa subscrición popular Pro Pazo do Caudillo?
Non tardan moito en decatarse de que é un fracaso, xa que comeza en maio e, en agosto do mesmo ano, xa se dan conta. Non se pode dicir que a subscrición popular fora o principal medio de financiamento de Meirás.

Por que fracasa?
Por dúas razóns. Non é que non foran casa por casa, que non extorsionaran vecino por veciño, concello por concello, entidade por entidade, traballador por traballador… Fracasa porque o nivel de recadación estaba calculado en función do que viñan recadando pola subscrición nacional e o sistema de requisa instaurado dende o 36 exercera tal presión sobre a poboación que non acadan o previsto. Eses descontos nas nóminas dos que tanto se fala, que non se lles aplicaron só aos traballadores da Deputación da Coruña, viñan xa regulados pola subscrición nacional: ata 4.000 pesetas anuais, había que descontar un día de salario ao mes; a partir de 4.000, dous días de salario ao mes… Para Meirás faise o mesmo con pequenas variacións. Pero non queda aí a cousa porque, tendo en conta que era moita a xente que non tiña unha nómina, “trabajadores por destajo”, a subscrición nacional establece igualmente descontos na porcentaxe da pesca para os mariñeiros…

E o segundo motivo?
Eles inician este proceso cunha idea: agasallar o dictador cun pazo para telo no verán e entrar a formar parte dese círculo de favores próximos ao réxime. Porque debemos aclarar que, cando se fala dos beneficios que trouxo Franco á cidade da Coruña, que estamos fartos de escoitalo, en realidade estáse falando de beneficios a determinadas familias das elites coruñesas, foi un macroespolio do que se lucraron os poderosos. O beneficio sitúano inicialmente mercando o pazo á familia de Pardo Bazán –moi distinto ao que existe hoxe, de 5,7 hectáreas, coas Torres e a Granxa de Meirás– Eles pensaban adquirir o pazo e, como outras cidades de España –como Burgos co Palacio de Isla–, poñer a propiedade a nome dunha institución. Despois agasallar a Franco.
Pero non se fixo así. Por que?
Porque el mesmo condiciona a aceptación da propiedade a que esta se rexistre ao seu nome. Iso faise finalmente en outubro do 41. Faino Pedro Barrié de la Maza cun poder a nome de Franco. Esa imposición do dictador é o que lles vai complicar a vida porque se van desencadear unha serie de acontecementos que van facer que isto se convirta nun abuso sobre abuso, espolio sobre espolio… Deseguido atopan outra complicación que é que Carmen Polo actúa desde o primero momento como dona de Meirás. Desde marzo do 38 ata finais de ano Carmen Polo visita Meirás en tres ocasións. En xuño, en agosto e en decembro, xa para tomar posesión. As estancias de xuño e nomeadamente a de agosto, cando pasa o mes no pazo, resultan moi significativas.

Como actúan cando se decatan do fracaso da subscrición popular e que pasos dan para acadar o seu propósito de entregarlle o pazo a Franco?
Despois do verán do 38, cando se decatan do fracaso da subscrición popular -que, en calquera caso, continúa adiante e atopamos aportacións do ano 40- buscan novos métodos e estos non serán outros que transferencias directas das arcas municipais ao Pazo de Meirás. Por exemplo, o Concello da Coruña achega 25.000 pesetas, a Deputación Provincial, 15.000… A partir do ano 38, a Junta Pro Pazo del Caudillo establece cal debe ser a achega de cada municipio baseándose na capacidade industrial de cada un deles, aínda que cunha cuantía mínima: 250 pesetas, a cifra que se repite na documentación de moitos concellos.

En 400.000 pesetas se situou o prezo do Pazo de Meirás….
É dificíl determinar canto costou porque a propiedade estaba hipotecada no Pastor e a documentación ao respecto é contradictoria, apuntan entre 400.000 e 700.000.

Como e cando se produce a toma de posesión do Pazo de Meirás?
O 5 de decembro de 1938. Da comunicación encárgase personalmente Serrano Suñer, quen aparece en numerosas imaxes dese día. El determina como se lles vai a transmitir aos medios en Galicia e como no resto de España.

Carlos Babío | “O de Meirás foi un ‘macroespolio’ do que se lucran os Franco e as elites coruñesas”