Charlie Hebdo, Évole, Blasco, a PDLI e Yolanda Álvarez, finalistas do Couso

Charlie Hebdo, Évole, Blasco, a PDLI e Yolanda Álvarez, finalistas do Couso
Ricardo García Vilanova e Javier Espinosa recolleron o premio na edición de 2014 d.a.

A undécima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa xa ten finalistas. Son cinco persoas e institucións vencelladas coas presións para ocultar informacións incómodas, por sufrilas ou por denuncialas. A correspondente de TVE en Oriente Próximo Yolanda Álvarez, o xornalista especializado na fronteira sur de Europa Jesús Blasco de Avellaneda, o semanario satírico francés Charlie Hebdo, o xornalista e presentador Jordi Évole e a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información son os candidatos, presentados e avalados por xornalistas galegos e persoas relacionadas coa comunicación para obter o recoñecemento da profesión.
O nome do gañador saberase o 7 de maio e a entrega de premios está prevista para o 19 dese mesmo mes, no teatro Jofre, nunha cerimonia na que se organiza tamén o “Concerto da Liberdade”. O premio é honorífico pero conta cunha escultura de Manuel Patinha, “Ás ceibes”, réplica da peza de maior tamaño que está ubicada no Cantón de Molíns, e ante a que cada ano se realiza unha ofrenda floral.
Yolanda Álvarez comezou a traballar para Televisión Española en 2004 e cubriu varios acontecementos como enviada especial en Irán e Irak, nos países da coñecida como “primavera árabe” e noutros estados africanos. En xullo de 2011 foi nomeada correspondente da cadea pública para Oriente Próximo e o goberno de Israel acusouna de complicidade con Hamas. A finais de marzo comunicóuselle que non se lle renovaba a corresponsalía e tiña que regresar á súa praza en Madrid.
Jesús Blasco de Avellaneda é xornalista especializado na situación que se vive na fronteira sur de Europa. Traballou para medios nacionais e internacionais e agora faino como free-lance, sempre coa denuncia das violacións de dereitos humanos como eixe do seu traballo, polo que obtivo xa varios premios pero tamén varias detencións, tanto en Marrocos como en España. Foi o primeiro en denunciar os abusos no trato a inmigrantes na verxa de Melilla e as “devolucións en quente”, ademais de sacar á luz as condicións dos presos nas cárceres de Marrocos, a opresión da muller africana, os incumprimentos das leis cos menores non acompañados, a situación dos refuxiados sirios ou a falta de liberdade de prensa e de relixión no Magreb.
O semanario satírico francés Charlie Hebdo sufriu un ataque terrorista en xaneiro deste ano no que morreron doce persoas. Este feito converteuno nun referente internacional da liberdade de expresión.
Jordi Évole, despois dunha carreira en distintos medios e en programas de entretemento, comezou en 2008 co programa de televisión “Salvados”, que co tempo pasou dun corte satírico a unha proposta máis centrada na información e na denuncia de cuestións candentes ou ocultas, como o casos do accidente de metro de Valencia ou, máis recentemente, a denuncia da situación dunha muller do exército que denunciou abusos sexuais.
A Plataforma na Defensa da Liberdade de Información constituiuse o pasado novembro como consecuencia da preocupación no sector xornalístico pero tamén no xudicial e nos movementos sociais, polas ameazas á liberdade de información e de expresión en España.
O Premio José Couso de Liberdade de Prensa está organizado polo Club de Prensa de Ferrol e polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración de La Caixa. Son os membros das dúas primeiras asociacións os que decidirán co seu voto o gañador. Teñen de prazo para facelo ata o 27 de abril. Creouse en memoria do cámara ferrolán asasinado en Irak José Couso.

Charlie Hebdo, Évole, Blasco, a PDLI e Yolanda Álvarez, finalistas do Couso

Te puede interesar