O presidente da Deputación da Coruña presentou onte en Riveira unha nova edición da Volta Ciclista á Provincia, que este ano pasará por 17 concellos e que percorrerá 370 quilómetros. A institución provincial achega máis de 50.000 euros para sufragar os custes da organización.
Durante a presentación estivo acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, e mais polo presidente e o xerente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón e Ricardo Terceiro, respectivamente.
Correspondeu a este último, como representante da entidade que organiza a Volta co financiamento da Deputación, explicar as características do percorrido.
Segundo relatou, esta XII edición da proba ciclista contará coa presenza de quince equipos, seis deles galegos (entre eles o CC Cambre), e terá lugar a vindeira semana, coa etapa Padrón-Negreira o día 24; Rois-Rois o 25; e Ribeira-Ribeira o domingo 26.
Durante a súa intervención, Diego Calvo salientou o feito de que, ano tras ano, esta proba conta con máis participantes.
A primeira das etapas desta edición celebrarase o 24 de maio facendo un recorrido entre Padrón-Negreira con paso polos concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra, Ribeira, Brión, Ames, Negreira, A Baña.
O día seguinte, o 25 de maio, a etapa Rois-Rois que pasará polos municipios de Rois, Padrón, Brión, Ames, Val do Dubra, Santa Comba, A Baña, Negreira.
A última fase, a denominada Ribeira-Ribeira, levará ao pelotón polos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro, Lousame, Noia, Outes e Porto do Son.
Os clubes galegos participantes son: CC Vigués, o Supermercados Froiz, o CC Padrón, o CC Rías Baixas de Nigrán, o CC Cambre e o CC Spol Concello de Porriño. Ademais, participarán equipos de Rusia, Extremadura, Alcoi, Portugal, Cantabria, Valladolid, a selección arxentina e o da Deputación de León.