Susana Seivane: “Este disco lembra momentos felices nun tempo crítico”

Seivane posa no balcón da súa casa de Pravio, en Cambre | patricia g. fraga
|

A gaiteira Susana Seivane (Barcelona, 1976) converteuse nun piar imprescindible do confinamento coas súas actuacións desde o balcón da súa casa de Pravio (Cambre), acompañada dos seus fillos, irmá e sobriños. Deses momentos inesquecibles queda agora “Dende o meu balcón”, o seu sexto disco de estudio, e que supón unha volta aos temas tradicionais sobre os que Seivane construíu a súa traxectoria.

Un repertorio de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero ou Suso Vaamonde que a artista agrupou en 20 “suites” e que contan cunha complexidade engadida: Seivane utiliza oito gaitas en diferentes tonalidades. Unha peza de colección.

Sorprendeulle a gran acollida que está tendo o disco? 
Si, a verdade é que este disco é especial, é un recordo dun momento histórico. Foi xestado nun momento crítico como o confinamento e penso que a xente quere ter iso na casa como lembranza desa etapa e de todas as sensacións que eles tiñan ás 20.00, cando saiamos facer o noso aplauso musical.
 
Algo bo que sae dun momento malísimo das nosas vidas. 

Efectivamente. Aínda que coste e moitas veces non sexamos capaces de velo, de todas as cousas malas sempre se debería de sacar algo bo. A nosa saída ao balcón cada día supuxo unha revolución nas redes e serviu para que á xente galega espallada polo mundo lle chegara un cachiño de alegría, no medio desa película de ciencia ficción que estabamos a vivir. Escribíronme de todas as partes do mundo mesmo xente que non sabía nin onde estaba Galicia, pero que lles emocionaba o son da gaita. Algún vídeo ten máis de 600.000 reproducións.

Había ánimo todos os días? 
O confinamento para min foi duro, como para todos, a pesar de ser privilexiada e vivir nunha casa, que ademais fixo bo tempo en marzo... Pero teño dous nenos e había que facer deberes con eles, atendelos... e nós seguir cos nosos traballos. Eu nunca traballei tanto como neses meses, estaba desde primeira hora ata pola noite con cousas: entrevistas para medios, Skype, videoclips... ademais das tarefas propias da casa, claro. Pero adquirín un compromiso emocional con moita xente e o feedback que tiña era o que me daba forzas para saír tocar.

Como escolleu o repertorio? 
Foi entre miles e miles de persoas. Eu aos meus “seivaneiros”, que non me gusta chamalos seguidores, dicíalles que fixeran peticións para escoitar desde o balcón e moitas coincidían co que eu quería facer, que era a nosa música tradicional, os básicos que todo gaiteiro debe coñecer. Este tería que ter sido o meu primeiro disco, no 99, porque isto é o que levo tocando desde pequena. A Carolina, a muiñeira de Lugo, “O sacristán de Coimbra”... e outras xoias da nosa música como “Unha noite no Santo Cristo”, por exemplo.

Como se lle presenta o 2021? 
Como a todos os músicos, moi incerto. Isto cambia dunha semana para outra así que non temos nin idea. Seguiremos demostrando que a cultura é segura, aínda que estea sendo maltratada. As salas de concertos levan pechadas desde marzo mentres os avións e outros transportes van cheos. O único que queremos é traballar e que se nos trate como a outros sectores. 

Susana Seivane: “Este disco lembra momentos felices nun tempo crítico”