As débedas recíprocas entre Díaz Pardo e Castelao

Castelao deulle uns debuxos e as instrucións precisas a Díaz Pardo para que fixese os carteis da campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia
|

Popularmente recoñecible é o cartel de Alfonso D. Rodríguez Castelao dun señorito con chistera e frac, que está a muxir unha vaca mentres esta é alimentada por unha moza campesiña galega. Con esta imaxe tan gráfica, Castelao constrúe unha metáfora onde Galicia aparece como unha terra traballada polo pobo galego mentres o beneficio dese traballo é para as clases altas que a gobernan e desde fóra. Unha contundente declaración ideolóxica e tamén de compromiso cunha terra e cunha clase social que sempre acompañou a Castelao e que, nesta ocasión, está ao servizo dun deseño para convencer do ‘Si’ no plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. O favor do SI de Castelao non sorprende o que abraia é descubrir que non o debuxou el, senón un novísimo Isaac Díaz Pardo.

Esta é unha das anécdotas históricas que se recuperan en ‘As miradas de Isaac’, exposición no Museo Gaiás da Cidade da Cultura coa que a Xunta quere pór en valor a figura clave que foi para historia da cultura galega o responsable de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. E tamén foi a man responsable de pintar este mítico cartel, pero que foi ideado en cada detalle por Castelao. A man de Isaac tamén está noutro icónica imaxe do artista de Rianxo, como é o do leñador-labrego rodeado de cativada e no que se pode ler:  “Para que a nosa terra sexa nosa  VOTA O ESTATUTO”.

“Isaíño, faimos ti”

En 1936, con quince anos de idade, Díaz Pardo implicouse na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. No taller de escenografía e litografía do seu pai (Camilo Díaz Baliño) en Santiago de Compostela fíxose toda a propaganda dese plebiscito, agás un cartel de Luís Seoane e outro de Zeus (José López Fernández), que os prepararon na Coruña.

Díaz Baliño fixo o cartel que firmou el, e Díaz Pardo realizou catro, tres asinados co pseudónimo Xalo e outro, o correspondente á campaña do Partido Comunista, co seu propio nome. “O único que me deixou firmar meu pai”, ten afirmado Díaz Pardo en entrevistas repasando a súa vida. Castelao, que andaba tan atarefado coa campaña plebiscitaria, non tiña tempo de compoñelos, así que lle deu uns debuxos e as instrucións precisas e díxolle a Díaz Pardo: “Isaíño, faimos ti”. “Eu fixen os dous de Castelao, o do leñador e o da vaca. Era simplemente reproducir as súas ideas nos carteis. El dicíame aquí metes tal cousa, alí aquela outra”, relataba Díaz Pardo para explicar a súa participación na execución técnica e plástica –que non creativa– nestes dous carteis tan icónicos, cuxos orixinais lamentablemente ardederon cando os falanxistas asaltaron a Casa da Tumbona,  o estudio compostelán de Díaz Baliño.

A débeda con Castelao

Precisamente, desa época do plebiscito, tamén se rexistra outra das anécdotas entre Díaz Pardo e Castelao. Isaac militaba nas Xuventudes Socialistas Unificadas e un día discutiu iradamente co seu pai, Castelao e Ánxel Casal aos que acusou de demasiado culturalistas e pouco comprometidos coa restauración política de Galicia. O motivo da liorta fora a reprimenda que lle dedicaron porque os das Xuventudes Socialistas saltaran a obriga de presentar no Concello de Santiago, do que Casal era alcalde, un exemplar dos seus panfletos de propaganda, que ademais lles imprimía Casal na súa imprenta. Isaac recorreu ao concepto de inxustiza que iso significaba e díxolles: “Claro, vostedes son así porque son uns reaccionarios”. Castelao riuse polo baixo e dixo: “vaia co rapaz!”. No entanto, co paso do tempo, Díaz Pardo non se cansou de amosar en numerosas declaracións o seu arrepentimento por considerar que ese día lle faltara ao respecto a personaxes tan preclaros do galeguismo, que pagaron o seu compromiso con Galicia coa propia vida, como foi o caso de Díaz Baliño e Anxel Casal, ou co exilio, no caso Castelao. “Déronme unha lección: Castelao morreu no exilio. E a Ánxel Casal e ao meu pai paseáronos. E eu seguín vivo”, lamenta Díaz Pardo nun fragmento de entrevista recollido na videoinstalación que pode verse tamén na exposición ‘As miradas de Isaac’. .

Realizada por unha das súas netas, Cecilia Díaz Betz, e por Jordi Cusso, esta videoinstalación creada ex profeso para proxectarse na exposición homenaxe do Gaiás está realizada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro con Díaz Pardo, sendo el mesmo quen relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, que se completa na exposición con preto de 300 pezas  obras de arte, fotografías, publicacións, murais, e obxectos persoais cos que se pretende facer revivir o seu universo e o seu espírito inesgotablemente creativo, aberto e polifacético.

As débedas recíprocas entre Díaz Pardo e Castelao