Xulio Ferreiro | “Nos primeiros anos de mandato hai un traballo bastante invisible e agora teñen que frutificar as cousas”

Xulio Ferreiro | “Nos primeiros anos de mandato hai un traballo bastante invisible e agora teñen que frutificar as cousas”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-dfd08545

Xulio Ferreiro fai balance de tres anos de mandato nos que destaca o nivel de cumprimento do seu programa e valora o acontecido na Comandancia de Obras ou o futuro da fachada marítima.

Que balance fai destes tres anos?
Un balance positivo, a estas alturas de mandato temos un nivel de cumprimento de programa moi alto e se un mira cara atrás en tódalas áreas se fixeron cousas importantes. 

E a nivel máis persoal, como viviu este período?
É un cambio de vida, despois de tres anos xa está naturalizado porque a mente humana ten unha capacidade importante para adaptarse e no meu caso te vas adaptando. Segue sendo unha vida diferente, que ten os momentos máis complicados que é a parte máis desagradable, hai moi poucos momentos que diga que foron desagradables dende o punto de vista persoal pero ter recibido ameazas en redes sociais ou ver a túa cara nunha diana é algo que non gusta. Pero a satisfacción é moito maior porque recibo moito cariño, respecto e ánimo pola rúa en xeral. 

Agora queda seica o ano máis importante ata as eleccións.
En realidade é o ano no que debería frutificar o traballo previo. Nos primeiros anos de mandato hai un traballo bastante invisible, as cousas non foron fáciles nestes tres anos. Non contar sempre cos apoios suficientes no pleno fixo que para aprobar o orzamento o ritmo non fose o habitual e iso fai pensar que este ano teñen que frutificar cousas e hai outras que deberían verse no segundo mandato moito máis claras.

Que cousas imos ver neste último ano de mandato?
Deberiamos ver o proceso de peonalización da Cidade Vella, obras importantes como os mercados de Santa Lucía, Monte Alto e Durmideiras. Estamos botando a andar a execución dos fondos europeos DUSI que se cadra aínda teñen tramitacións máis complexas. De aquí a final de ano deberíamos dobrar as estacións de Bici Coruña, a transición á bicicleta eléctrica que vai supor un cambio moi importante, todos eses quilómetros de carril bici completados, actuacións en materia de emprego de formación que contribúan a facer un modelo económico de futuro e sostible, ver ese novo mapa de liñas de buses... Quedan moitas cousas aínda por facer.

Que análise fai do programa da renda social ata agora?
Agora hai centos de familias que antes non tiñan onde agarrarse e agora si. A renda ven a suplir ineficiencias doutros programas como a Risga, que non chega e se outorga con moitísima lentitude. Nese sentido a renda social é un avance, sempre é difícil botar a andar un programa novo e tan ambicioso pero cada vez hai máis xente que pode ter unha axuda á que agarrarse e non só ter unha renda que lle permita vivir dignamente no seu día a día pero tamén incluírse en plans de formación e integración.

Ao principio falábase de chegar a un milleiro de familias pero as cifras son outras. Cre que se van achegar a esa cantidade inicial?
Eu diría que ogallá que non houbese un milleiro de familias que a necesitasen e se o hai o programa está preparado para atendelas; o programa nese sentido era ambicioso e o segue sendo. Un programa social destas características ten os seus tempos para que os usuarios o saiban, de que se tramiten as cousas, de que chegue a todo o mundo e de que se rompa unha barreira invisible de que persoas que poderían optar a ter esa renda non acudan ós servizos municipais por múltiples cuestións. En todo caso xa estamos traballando en detectar as cuestións que son mellorables e por tanto introducir as reformas necesarias na ordenanza para facela máis áxil e chegar a máis xente. Non se lle vai dar a volta completa ó programa porque non o necesita, non diría que se reformarán cuestións de detalle pero si menores.

Hai un par de semanas acabouse a ocupación ilegal da Comandancia de Obras, como ve o sucedido?
Ao final ocorreu o que levábamos meses traballando para que non ocorrese e que é que houbese incidentes no momento da recuperación da posesión. Nestas semanas lle das voltas as cousas que se fixeron, como se fixeron e se se podían ter feito de xeito diferente  e probablemente máis alá de que lamento profundamente de que houbese incidentes, todas as decisións se tomaron para evitalos. É difícil evitar que unhas persoas entren pola forza nun edificio sen á súa vez utilizar a forza. Queda por ver se o uso da forza foi proporcionado ou non, é algo que hai que valorar cando todos os feitos estean claros e niso se está.

Cre que a actuación que se levou a cabo era a máis axeitada?
Tomamos as decisións para que esa actuación fose axeitada. Non se mandou a Policía Local con material antidisturbios senón co equipamento habitual, se permitiu que as persoas que se foron concentrando no lugar estiveran alí e non se tomou ningunha actuación disuasoria para manter un clima o menos conflitivo posible e o que creo que temos que avaliar e se cando se chamou a outras forzas e corpos de seguridade se actuou dilixentemente por parte destes.

Houbo sindicatos dos corpos de Policía que non estaban de acordo con declaracións que se fixeron dende o Concello.
Lin algunhas declaracións que me sorprenderon. Desde a Policía Local sempre tiveron instrucións do Concello e os mandos policiais son colaborativos coa Policía Nacional, a min me sorprende escoitar estas cousas. Non quero facer ningún tipo de valoración nin entrar en polémica cos sindicatos policiais que bastante teñen con lidiar coa situación de escasez de medios materiais e persoais.

Como viviu persoalmente esas horas?
As primeiras horas bastante satisfeito porque se podía recuperar o espazo sen un desaloxo pola forza, evidentemente a partir da unha da tarde con tristeza polas imaxes e a actuación que nunca queres que suceda baixo a túa responsabilidade. 

En canto ó plan de compra de vivenda o Concello recoñeceu que puido haber erros, visto agora todo houbesen cambiado as bases?
Cando un programa é novo sempre hai un proceso de avaliación posterior. Temos a conciencia ben tranquila para evitar calquera tipo de cuestión sobre que pisos se compran ou non. Se creou unha comisión técnica que tomou as súas decisións sen ningún tipo de inxerencia política e os propios funcionarios municipais sacaron un comunicado defendendo o seu labor e ademais dicindo claramente que non estiveron suxeitos a ningún tipo de inxerencia política. Unha vez que salta a polémica se revisa todo e a asesoría xurídica municipal chegou á conclusión de que hai un elemento que pode invalidar a compra xa efectuada. Diante desta constatación enviamos o expediente ó Consello Consultivo e se o resto dos grupos cren que se deben meter máis cousas nesa solicitude que se metan e será o Consello Consultivo o que ditamine se houbo nulidade ou non.

Como se enfoca o futuro da fachada marítima tralo cambio no Goberno central?
Esperanzado en que poida supoñer un cambio en moitas cousas e entre elas a fachada marítima. Hai tres anos era un debate que estaba apagado na cidade e se conseguiu reavivar e se chegaron a novos consensos na cidade e o único que se quedou fora ao principio foi o Partido Popular. Co Partido Socialista se teceron os elementos comúns que permitirían renegociar os convenios para garantir os usos públicos en Calvo Sotelo e Batería e produtivos en San Diego. Un ve cal foi a traxectoria do PSOE durante estes últimos anos e as manifestacións tanto no Parlamento como no Congreso dos deputados e un espera que poida haber vimbios para reconducir a situación.

Este cambio inflúe na intención de facer unha consulta popular?
Creo que non ten que influír porque o que decidamos que queremos os coruñeses é independente do goberno que haxa. Outra cousa é que o goberno que haxa poida ser máis proclive a dar saída a ese desexo dos coruñeses.

E pode atrasar a consulta?
Non o sei porque se se abre unha negociación doutra forma con Fomento, non estou seguro ata que empece a falar.

O cambio de Goberno en Madrid tamén afectará a outros temas, en que maneira?
Non o sei, espero que se nos escoite, eu co anterior ministro de Fomento non fun quen de falar. Con que haxa un ministro que sexa sensible e que lle dea á cidade da Coruña a importancia que ten xa avanzamos. A partir de aí están o tema da fachada marítima, a conexión ferroviaria co porto de punta Langosteira e temos que axilizar a obra da Vedra despois de case dous anos e medio de que existise o acordo político, a tramitación administrativa non foi todo o dilixente que podería ter sido. Hai moitas cousas importantes para a cidade como completar esas infraestruturas, o Vial 18, a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 e a a A-6. 

A chegada do PSOE ao goberno en Madrid pode influír na relación con eles na cidade?
O goberno de Pedro Sánchez conta co apoio incondicional de moitos grupos políticos, entre eles En Marea non pediu nada a cambio. O PSOE pode ser máis consciente de que os tempos son diferentes, que a concertación entre as forzas progresistas é necesaria e isto se vai a ver neste novo tempo. Iso debería afianzar a necesidade de cooperación tamén aquí no Concello, veremos o que ocorre porque tampouco podo falar polos demais. 

O grupo municipal dixo que non apoiarían outros modificados de crédito polos incumprimentos. 
Remitín ao voceiro un documento sobre o grao de cumprimento dos acordos ós que chegamos. En 2017 diría que ronda o 90% o grao de cumprimento, as cousas están cumpridas ou en trámite, paréceme un nivel bastante alto. En canto ao de 2018 o nivel de desenvolvemento dos proxectos que incluíu o PSOE é superior ao nivel de cumprimento dos propios.

Xulio Ferreiro | “Nos primeiros anos de mandato hai un traballo bastante invisible e agora teñen que frutificar as cousas”

Te puede interesar