O estilo libre de Tenreiro conflúe no único mural que se conserva na rúa Compostela

|

Antonio Tenreiro andaba por libre. Pode ser que por iso non escoitou os preceptos renacentistas que apuntaban ao branco como punto de partida. El quixo que fora o gris porque de gris se pintaba a terra que o vira nacer. A súa atmósfera e edificios adquiriron entón tonalidades máis escuras e o que medrou nun ambiente liberal optou por estender tamén o seu talento pola pedra e azulexos que hoxe son mar e tamén paquebotes, embarcacións de pesca e ata un trasatlántico.

Son os protagonistas que Tenreiro elexiu para o único mural que se conserva na cidade. Está na tenda Tous na rúa de Compostela e obecede á conciencia de patrimonio que tivo o propietario do local que respetou o que o creador fixera como un exemplo máis de particulares que atenden á importancia da arte desprotexida. A que está núa legalmente.

o catálogo da exposición de belas artes recolle en fotos exemplos do dominio do espazo que tiña tenreiro

Pola contra, o que o vangardista pintou no desaparecido restaurante El Rápido non tivo a mesma sorte e segundo os que si desfrutaron desta creación que se perdeu nunha reforma do baixo, del so quedan algúns documentos en forma de bosquexos previos á obra.

No caso do único supervivinte, o comisario da mostra en Belas Artes, Pedro Vasco, comentaba que habería que indagar a súa orixe pero que todo apunta a que Tenreiro retratou o porto da cidade para xente pequena. Pola perspectiva todo parece indicar que o negocio estaba adicado aos cativos. Titulouna “Marina” e permite que un poida flotar agora en medio das xoias do deseñador catalán.

Nun recanto do local, o cliente bebe do impresionismo. Acaricia a viveza que Tenreiro quixo para inmortalizar o seu mar. En medio de chalanas que hoxe xa non están e nunha mostra máis de que o artista tiña un dominio absoluto do espazo dada a súa formación de arquitecto.

Isto queda de manifesto noutras creacións como a da residencia de estudantes “A Condesa” de Santiago, a dos Peares, e a que proxectou no Instituto de Betanzos na súa inauguración e que tamén se derruiu nun novo acondicionamento do edificio. A peza que se pode ver no catálogo distínguese do resto polo estilo, onde entran as matemáticas e a liña. O mural inmenso representa unha paisaxe urbana pola que o espectador se move. Abducido polas formas xeomátricas. Parecidas ás que construía Mondrian nun exemplo máis da arte universalista de Tenreiro. Que colleu da man a Galicia para levala polo resto do continente.

Dunha familia de intelectuais, políticos e do mundo financieiro e artístico, deixa a modo de legado unha obra á vista de todos. Sobre o azulexo. En tonalidades azuis e verdes. Un mar tan vivo que case se toca. n

 

O estilo libre de Tenreiro conflúe no único mural que se conserva na rúa Compostela