O autor arteixán Xabier Maceiras saca a luz “Antoloxía das Confidencias de Picadillo”, que xa está a presentar polas diferentes parroquias do concello.
Que relación mantiña Picadillo con Arteixo?
Vén dada polo pazo de Anzobre, que o seu avó paterno, o coronel carlista Manuel María Puga Feijóo, herdara de súa curmá Jacoba de Cisneros Puga, a Condesa de Ximonde. Posteriormente o pai de Picadillo, Luciano Puga Blanco, que defendera a Curros Enríquez cando a igrexa lle secuestrou o libro “Aires da miña terra”, herdaría o pazo e Picadillo pasaría nel moitos veráns da súa infancia. Cando morre seu pai, en 1899, Picadillo convértese en señor do pazo e o transforma nun dos centros neurálxicos da cultura galega grazas ás frecuentes visitas de persoeiros como Manuel Linares Rivas, Wenceslao Fernández Flórez, Emilia Pardo Bazán ou os pintores Germán Taibo e Manuel Abelenda. Ademais, Picadillo foi xuíz en Arteixo entre 1902 e 1905 e os seus restos descansan na capela do pazo de Anzobre.
Por que decidiu investigar sobre a súa figura?
Con motivo do centenario da súa morte, que seu cumpriu o pasado 30 de setembro, quixen renderlle esta merecida homenaxe recuperando boa parte dos relatos que escribiu entre os anos 1902 e 1918 na revista “Coruña Moderna” e os xornais “El Noroeste” e “El Orzán” sobre temas non relacionados coa gastronomía, a súa faceta máis coñecida. Son relatos da sección “Confidencias”, de aí o título do libro. Nelas, Picadillo relátanos algúns dos seus avatares cotiáns que lle aconteceron na cidade da Coruña, Arteixo, as terras de Bergantiños e outros puntos da xeografía galega e do resto do planeta!
Que anécdotas descubriu?
Hai para dar e tomar... a primeira vez que puxo o gramófono en Armentón; a viaxe a Hamburgo para facer un réxime de adelgazamento; cando se fai cun cocho na feira de Paiosaco a cambio dunha pequena caixa metálica de Augas Cabreiroá; cando lle pide o voto ás vendedoras da praza de abastos para que estas –as mulleres non votarían ata a II República– presionaran nas casas aos seus homes e fillos para que saíra elexido concelleiro... Tamén as anécdotas do seu loro Rodríguez ou as aventuras de Sarete, un dos seus caseiros; o circo alemán que veu á Coruña coa atracción do home máis gordo do mundo e resulta que Picadillo era máis gordo que el; as narracións sobre o seu xastre de Larín... Hai moitas e confeso que me rin moito. Un dos artigos que máis me gustan é “Un recuerdo de cariño. La vuelta del águila”, no que o día que fondeou na baía coruñesa o vapor “Alfonso XIII”, que traía a bordo desde Cuba o cadáver de Curros Enríquez, Picadillo rendeulle homenaxe lembrando a relación dos Puga co poeta.
A raíz do libro tamén xurdiu o proxecto teatral “Rodríguez, o loro de Picadillo”. En que fase está?
Efectivamente, con catro dos artigos do libro fixen unha adaptación teatral para o grupo Melandrainas, que dirixen Marga Fernández e Queta Soto, que posteriormente farían unha nova adaptación e xa están ensaiando. Só podo adiantar que Melandrainas, con quen tiven a fortuna de traballar na obra “Porlier en Pastoriza”, ten o reparto definido... e que haberá moito humor e música a cargo, unha vez máis, de Víctor Iglesias.
Que proxectos ten en marcha na actualidade?
Agardo que neste 2019 vexa a luz, despois de tanto tempo de traballo, o proxecto sobre a historia do polígono industrial de Sabón, que consta de dúas partes: unha o libro “50 anos de Sabón”, no que aparecen os nomes de todas as persoas que foron expropiadas, toponimia desaparecida, fotografías de como eran antes os lugares e datas de asentamento de cada unha das empresas, etc., e outra o documental “12 leiras”, no que levo tres anos traballando co realizador Xosé Antón Bocixa, e que lle dá voz a case 30 afectados polas expropiacións. Tamén sigo co documental “Un raio chamado Catuxa”, xunto a Fran Naveira, sobre a historia do pobo da Catuxa e o seu equipo de fútbol, e continúo co libro “100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha”, que aparquei un tempo para centrarme en Picadillo.