O técnico pide o ascenso do Depor no seu 59 cumpleanos

O técnico pide o ascenso do Depor no seu 59 cumpleanos
Copia de Deporte Campeón-2013-10-25-004-eb2767d6

Fernando Vázquez soprou onte as velas co desexo profesional de devolver o Deportivo a Primeira División. Onte á noite non podería celebralo demasiado. Tocou madrugar para encarar a cita co Tenerife.
“Profesionalmente, o ascenso do Deportivo encheríame. A nivel persoal, que viva a familia e vivan as amizades, que é o máis importante”, desexou o preparador branquiazul na cidade deportiva de Abegondo.
O de Castrofeito, que a tempada pasada rozou o milagre da permanencia, goza dun estado de felicidade dende que o Deportivo lle deu a oportunidade volver aos bancos tras case seis anos en branco.
“Os últimos seis meses foron impresionantes. Nos anteriores, dedicábame a outras cousas, a machucarme na bicicleta, pero dende que estou no Deportivo estou super feliz. Foron meses super bonitos”, comentou.
Agora, o seu obxectivo é regresar co Deportivo a Primeira División e mostrouse consciente de que, para conseguilo, o equipo herculino debe mellorar en ataque. É cuestión colectiva, non só do punta, neste caso, o madrileño Borja Bastón.
Aos dianteiros hai que conseguirlles que a ocasión sexa máis limpa, máis clara. Admiro a capacidade defensiva do equipo, pero son algo crítico coa capacidade de crear oportunidades. É o punto débil do equipo e hai que mellorar”, admitiu.
“Na parte de finalización fáltanos certa coordinación para meter máis xente na área”, agregou o preparador branquiazul, quen recoñeceu que o seu equipo non é “moi rápido” nin “explosivo”, senón de “paso lento”.
Avogou por contrarrestar a lentitude física sendo “mentalmente máis rápidos”.
Vázquez explicou que o campionato achégase a un momento clave no que se definirán os obxectivos dos equipos e sinalou que o Deportivo debe estar atento ao corte na clasificación para non se descolgar.
“A partir de novembro todo vai quedar claramente definido e, se nós queremos estar arriba, temos que resolver eses momentos ao noso favor. O momento en que a táboa vai romper estase a achegar e gustaríame estar nos primeiros postos. O refacho é bo, pero na casa é moi triste”, indicou.
O Deportivo cedeu dúas derrotas e dous empates en Riazor en cinco encontros, pero a domicilio gañou catro partidos e o obxectivo é seguir sumando triunfos fóra de casa mañá en Tenerife, onde se medirá a un rival que está en postos de descenso.
“É un equipo que necesita mellorar resultados. Creo que fixeron partidos nos que mereceron máis. En Tenerife estannos a esperar con moitas ganas, non é un campo doado para gañar e espero que o partido se decante cara ao noso lado”, dixo o técnico branquiazul.
Entre as materias pendentes do Deportivo están as xogadas de estratexia, nas que recibiu catro dos cinco goles que leva en contra. Pero non lle quitan o sono.
“Son xogadas de concentración, de tensión. Nós facemos unha marcaxe combinada e haberá que requirir os xogadores máxima concentración neses aspectos. É algo no que temos que mellorar pero tampouco me saca de ‘quicio’”, manifestou.

madrugón
O Deportivo viaxa de madrugada a Tenerife vía Madrid. “Non me trastorna a viaxe, pero é duro ter que erguerse ás catro da mañá, aínda que non hai moitas alternativas. O feito de que o calendario o sabemos un pouco tarde, que é difícil reservar, os enlaces decrecen con Galicia e pagamos un pouco todo iso”, admitiu o preparador branquiazul na súa comparecencia.
Onte á noite, tocaba irse a durmir pronto para non arrastrar o cansazo.
“Os xogadores procurarán deitarse máis temperán do habitual”, dixo antes de explicar que o adestramento que farán hoxe en Tenerife é “importante a nivel técnico-táctico.
Afeito a dar poucas pistas sobre a aliñación, onte Vázquez descubriu o posible once en ataque, onde non estará Antonio Núñez. Aínda é pronto para velo na aliñación.
“Habería opción de poñer a Núñez de inicio, aínda que nestes momentos é a que menos contemplo. Quizais para noventa minutos non está, tampouco el ten a confianza suficiente para iso. É unha arma que imos ter aí para utilizar no momento que vexamos oportuno”, declarou o míster do Deportivo .

O técnico pide o ascenso do Depor no seu 59 cumpleanos

Te puede interesar