Sada - “Algúns votantes do PP e de PDSP dixéronme que o domingo apostarán polo BNG”

El Ideal Gallego-2011-05-17-021-f9a5bcf8

abel lópez soto candidato á alcaldía polo bng

O BNG foi o partido máis votado hai catro anos sacando seis concelleiros, os mesmos que o PDSP. Agora, tras un mandato completo ao fronte dun goberno en coalición co PSOE e en minoría respecto da oposición, o candidato nacionalista, Abel López Soto, afronta as súas terceiras eleccións municipais como cabeza de lista con optimismo e co obxectivo de continuar dirixindo o Concello. Arrepíntese de poucas cousas e felicítase de outras moitas, pero admite que todo é mellorable e que a súa formación saberá corrixir os erros cometidos mirando cara a adiante. E farao, dixo, baixo tres principios fundamentais: a creación de emprego, a austeridade no gasto público e a aprobación dun PXOM “realista e sustentable”.

entrevista de daniel romero

Credibilidade é unha das palabras máis usadas por Abel López Soto, candidato do BNG e aspirante a renovar a alcaldía o vindeiro domingo. Emprégaa para falar da súa xestión no Concello, da súa percepción de crecemento na popularidade dos nacionalistas entre os sadenses e polo seu convencemento de que o seu é o partido que máis garantías ofrece de transparencia e responsabilidade para cos seus veciños.
—Cómo afronta as súas terceiras eleccións como cabeza de lista do BNG en Sada?
—Afróntoas con moito optimismo e esperanza de que os cidadáns de Sada apoien ao BNG e o traballo realizado estes catro anos, que foi moi importante.
—Cree que cumpriu coas expectativas e coa confianza que lle deron os veciños?
—Quero destacar tres cuestións. En primeiro lugar, a recuperación da dignidade de Sada, xa que no periodo 2004-2007, aínda que antes tamén, o concello foi foco de escándalos, pelotazos urbanísticos e estridencias. Os cidadáns pedíronme outra maneira de gobernar máis educada. En segundo lugar, que fixéramos cousas para a xente e non falásemos só do ladrillo e, por último, que tivéramos coidado coa facenda local e saneáramos as contas municipais. En todos os aspectos a mellora foi moi exitosa.
—Foi un mandato difícil polo feito de desenvolvelo en minoría, supoño...
—Tocounos gobernar na peor crise económica en España nos últimos 70 anos. Ademais, en minoría, cunha oposición irresponsable que, sabedores da gravidade económica, decidiron deixar ao Concello dous anos seguidos sen orzamentos, o que supuxo que a inversión de Sada nese tempo fora cero, polo que tivemos que buscarnos a vida co apoio doutras administracións.
—Pero, a pesar diso, presume de ter unhas moi boas contas.
—Claro, é que con todo conseguimos aumentar o investimento respecto ao dos gobernos anteriores. Agora temos uns resultados económicos espectaculares. Collimos o Concello en situación case de bancarrota e saneamos unhas contas que, por certo, calquera veciño pode comprobar.
El Ideal Gallego-2011-05-17-021-f9ab9cf6—Qué nota lle pon ao pacto co PSOE?
—O noso pacto é un exemplo non só para Sada, senón para a área metropolitana e para Galicia. Os gobernos monocolor do PP con Rodríguez Ares tiveron máis problemas que o bipartito actual. Non tivemos nin unha soa discrepancia pública en catro anos e temos os mesmos concelleiros que en 2007, non como o PDSP, que empezou con seis e agora ten tres ou o PP, que pasou de dous a un.
—Aínda así, sempre tivo a todos en contra, fosen ou non do partido orixinal.
—Sí, pero mentres nós fomos responsables, a oposición dedicouse a resolver problemas particulares. Eles non presentaron nin unha soa medida que favorecera a Sada, ningunha proposta que dar a coñecer á cidadanía. O único pleno extraordinario que solitaron foi para que o Concello recurrira a declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC). Onde está entón a alternativa ao goberno? Só fixeron intentos de desprestixiar persoalmente ao alcalde e ao equipo do goberno municipal. De verdade, sinto moito que non se fagan partícipes dos éxitos de Sada.
—Volvendo ao pacto, repetiríao se se dá o caso?
—Como é natural, o BNG aspira á máxima representación e aspira a desenvolver o seu programa, pero se non hai maioría, faremos o posible para que as haxa e apostaremos polo diálogo como cauce para resolver os problemas.
—Favorécelle que os partidos da dereita sexan tan numerosos?
—Hai un problema de personalismo entre as persoas que os representan e existe unha amalgama de intereses personais. Hai intercambios de candidatos nas listas de PP e PDSP... Algúns votantes deses dous partidos dixéronme que votarán ao BNG neste caso. Por que? Porque os cidadáns saben o que é importante neste momento. A credibilidade do BNG gañámola cada día, tanto cando tocounos estar na oposición como no goberno. Sen embargo, a xente non confía nos partidos da oposición porque son unha grileira e desconcertan aos veciños.
—Que é o que pensa que é mellorable da súa xestión neste mandato?
—A comunicación do traballo realizado. A nosa aposta pola austeridade levounos a reducir moitos gastos e, entre eles, os referidos á comunicación. Foi un erro porque a xente necesita saber que está facendo o goberno local.
—E do peche de Radio Sada arrepíntese?
—En absoluto. Non me arrepinto para nada. Sorpréndeme que os mesmos que din que as televisións autonómicas son un gasto pidan Radio Sada, que custa 100.000 euros ao ano. Ademais, estivo a funcionar ilegalmente e non ten autorización, polo tanto, os que din que a van a pór en marcha que digan como. Para min, hai outras prioridades en Sada.
—Hai algún motivo especial polo cal tres actuais concelleiros do goberno non repiten nas listas deste ano?
El Ideal Gallego-2011-05-17-021-f9afddfc—O BNG caracterízase porque os militantes elixen quen lles representa en cada sitio. E este lista é a que elixiron e eu estou moi orgulloso do equipo que presento, solvente, con recoñecida valía. A mellor que podíamos presentar.
—Responde tamén á renovación do partido, entón.
—Si, hai xente nova e incluso independiente. Direille que dos 21 que van na lista, contando os suplentes, hai dez que non son militantes do BNG. Iso é abrir a lista á sociedade. Son as cousas que fixeron que fósemos os máis votados en 2007 e aspiremos agora a unha maioría.
—Deame unha razón pola cal pensa que van ser os máis votados de novo.
—Polo diálogo continuo coa xente durante estes catro anos. Notei unha crecente simpatía cara ao BNG que foi medrando. Creo que imos incrementar a nosa representación.
—Certamente, nótolle moi optimista...
—É que o optimismo ten que ser básico para exercer a política, claro que si. E son optimista polo mesmo que en 2007, é dicir, que a xente sabe que, ou continúo, ou volve Moncho con Emilio e coa colaboración de Anido. Por iso aspiro a aumentar a representación.
—Se non gaña, seguirá defendendo o programa do BNG desde a oposición?
—Non se plantexa esa posibilidade, nin de non gañar, nin de irme. Pero, desde logo, se me vou a plantar cebolas, non volvo.


Sada - “Algúns votantes do PP e de PDSP dixéronme que o domingo apostarán polo BNG”

Te puede interesar