“Non vou a Sevilla a empatar; iso nin siquera nos vale”

“Non vou a Sevilla a empatar;  iso nin siquera nos vale”
ernando vã¡zquez, ã¡ sãºa saã­da de riazor onte javier alborã©s

Fernando Vázquez, novo adestrador do RC Deportivo de La Coruña, espera pechar con bo pé unha semana axitada, na que puxo final a unha etapa de seis anos afastados dos bancos, con moi poucos días de marxe para preparar o encontro de esta mesma noite ante o Sevilla.

“Poucas cousas se poden cambiar en tan poucos días, case só podo usar a palabra, porque aínda non teño a capacidade de transformar condutas a base de adestramentos, pero quero pasarlles a miña ilusión e a miña enerxía aos futbolistas, para que xoguen con alegría, sen depresión e sen pensamentos negativos”, asegurou nunha rolda de prensa poucos minutos antes de voar cara a terras andaluzas.

Temos que vencer, así que vou a gañar o partido e tratar de poñelos en problemas

O técnico de Castrofeito adiantou que non ten a intención de facer unha revolución total neste primeiro encontro, porque esa decisión podería ser contraproducente no estadio Ramón Sánchez Pizjuán.

“O que o equipo sabe facer, xa o sabe facer, así que entendo que está construído nunha liña e tampouco a vou cambiar de súpeto dun día para outro, xa que ademais quero compartir algunhas decisións, porque cando máis consenso haxa, máis compromiso existirá”, explicou ante os medios de comunicación congregados na sala de prensa.

Vázquez quere tratar de inculcar unha mentalidade gañadora e o primeiro paso nese obxectivo é o enfrontamento ante o Sevilla, porque as necesidades clasificatorias do Deportivo obrigan a buscar a vitoria.

Último na táboa, a seis puntos de distancia dos postos da salvación, o clube branquiazul debe ser ambicioso.

“Temos que vencer, así que vou a Sevilla a gañar o partido e a tratar de poñelos en problemas, non vou alí a empatar, porque iso nin sequera nos vale”, subliñou Vázquez.

O adestrador galego marcouse como un dos seus retos sumar oito vitorias nos quince partidos que quedan, xa que calculou que na fronteira dos 40 puntos podería estar a permanencia.

Moitas variables poden xogar na nosa contra pero 40 puntos sería un éxito

“É posible que non sexa necesaria a media estatística dos outros anos, pode que sexa algo menos, aínda que é tirar un pouco ao azar e dependerá de moitas variables que poden chegar a xogar na nosa contra, pero se fixésemos 40 puntos, para min xa sería un éxito”, admitiu o técnico galego.

Vázquez destacou o “sensacional” recibimento que tivo na súa chegada ao Deportivo e confesou que tiña moitas ganas de volver facerse cargo dun equipo despois de seis anos sen ter esa oportunidade.

“É complicado explicar como che cambia a vida unha chamada, porque a fin de semana era plácida, sen nervios e sen tensión, pero de súpeto volver sentir esa responsabilidade, esa relación cos medios e ese contacto coa afección, a verdade é que son sensacións que me facían falta”, subliñou.

Unha estrela no Deportivo como Juan Carlos Valerón perdeu moito protagonismo coa chegada de Domingos Paciencia ao banco do Deportivo, pero Vázquez destacou a traxectoria do mediapunta e deixou entrever que manexará con coidado os minutos que terá ás súas ordes.

“Sempre dixen que Valerón era un xenio na interpretación táctica do xogo, pero todo vai depender da súa condición física e anímica, porque agora non é o xogador de fai dez anos e non só está o primeiro minuto dun partido, tamén está o 40, o 60...”, insistiu.

Das súas verbas dedúcese que o ‘mago de Arguineguín’ terá unha importancia maior nos seus esquemas que con Domingos Paciencia pero non tan notable como co primeiro míster desta tempada, José Luis Oltra.

O preparador de Castrofeito analizou as características do próximo adversario e destacou o potencial sevillista, pero ao mesmo tempo expresou o seu convencemento de que o Deportivo pode plantarlle cara na súa visita ao Sánchez Pizjuán.

En opinión do preparador galego, a escadra de Nervión ten mellorado moito coa presencia de Unai Emery no banco, no posto que deixou vacante José Miguel González ‘Míchel’, anterior adestrador do Sevilla FC.

“Non me sobra tempo para pensar no Sevilla, porque primeiro quero construír o meu equipo, aínda que penso que ten xogadores internacionais extraordinarios e mellorou con Emery, pero tamén considero que somos capaces de facerlles fronte, sen dúbida ningunha”, concluíu Fernando Vázquez.

“Non vou a Sevilla a empatar; iso nin siquera nos vale”

Te puede interesar