Reportaxe | Novo achádego para un patrimonio histórico que non deixa de medrar

Reportaxe | Novo achádego para un patrimonio histórico que non deixa de medrar
Imaxe do petróglifo atopado no lugar de Baer, na zona do Pinar Grande

Arteixo atesoura un inmenso patrimonio histórico e arqueolóxico, como dan mostra os seus vinte castros catalogados e numerosas igrexas e cruceiros, pero nestes días o municipio celebra o achádego dun petróglifo de círculos concéntricos, unha “marabilla” que se ubica en Baer, na zona do Pinar Grande, preto dos que xa descubriu en 1950 o experto Luís Monteagudo. 
Foi o escritor e afeccionado á arqueoloxía Xabier Maceiras quen camiñando polo monte unha mañá  reparou nunha pedra á que se lle vían algúns gravados. “Fixen varias visitas a distintas horas do día ata que o visualicei por completo e xa me decatei de que era de tipo circular. Foi un auténtico subidón”.
Maceiras lembra que poucos días antes da súa “fazaña” desprazáranse a Arteixo Alberto López, secretario da Fundación Luís Monteagudo, e o xornalista e fotógrafo José Manuel Salgado, que “deron a coñecer e situaron os petróglifos de Monteagudo nunha visita guiada”. “Tiven a fortuna de observalos convidado polo departamento de Turismo e foi unha viaxe ao pasado a través de gravados rupestres de hai miles de anos”. Aínda estaba emocionado por aquel episodio cando atopou o petróglifo de Baer: “Non o agardaba”, asegura.
Trátase dun gravado duns 45 centímetros de diámetro de seis círculos concéntricos e un sétimo incompleto, con cazoleta central e dous sucos de saída que se atopa nunha superficie rochosa bastante cuarteada, según o escritor. “A pesar da erosión e da fragmentación, dá a impresión de que na pedra hai un segundo petróglifo máis, ata que se realice unha observación nocturna, que de seguro permitirá realizar unha análise con maior profundidade, preferimos non aventurarnos en hipóteses”, sinala.

Turismo e promoción
Pola súa parte, a arqueóloga arteixá Puri Soto, que ten conducido rutas históricas polo municipio, destaca a importancia deste achádego. “É un recurso cultural para os colexios, para o turismo e promoción da área das Mariñas. Esperemos que o concello poña pronto en marcha un plan para a súa protección e divulgación”, apunta a experta, quen engade que este novo petróglifo e os catalogados por Monteagudo son “os máis achegados á cidade da Coruña de entre os que existen da Idade de Bronce, algo que podería ter moitísimas posibilidades a nivel metropolitano”. 
Soto agarda que o Concello arteixán poña en marcha un plan de localización e protección destes enclaves, dando aviso aos propietarios das fincas “para que non pasen máquinas por alí”. “Ten xa unha estratexia o Goberno local?”, pregúntase a arqueóloga.
O Goberno arteixán afirmou fai uns meses que, dentro do seu plan Novarteixo 2020 –que logrou cinco millóns de fondos europeos Feder–, poñeríase en marcha un estudo dos castros locais e accións de posta en valor dos elementos patrimoniais.
Esta nova peza histórica, explica Xabier Maceiras, dá mostras do pasado místico e máxico de Arteixo. “Efectivamente, a nosa paisaxe tamén ten o seu halo de misterio con esa presenza viva e silenciosa que teñen os petróglifos”, conclúe Maceiras.

Reportaxe | Novo achádego para un patrimonio histórico que non deixa de medrar

Te puede interesar