A nosa razón forte berra

Para que nos devolvan o roubado,/ para derrubar esta prisión,/ batamos no lume sagrado,/ ferreiros dun mundo mellor”. A letra do himno máis internacional no mundo será clamor e reclamación nas mobilizacións das e dos traballadores, outro Primeiro de Maio máis, no Día Internacional da Clase Traballadora deturpado adrede na simplificación interesada de Día Internacional do Traballo situado así á par das mil e unha causas que teñen unha data reivindicativa tal como se o traballo fose unha maldición bíblica e non un dereito social básico para todos e cada un dos días do ano. Aínda hai quen gustaría de recuperar a consideración desta data como festividade de San Xosé Obreiro traendo á memoria colectiva os tempos, non debidamente superados aínda, do vello réxime franquista. 
Emporiso é necesario lembrar que esta conmemoración por antonomasia do movemento obreiro mundial naceu por acordo congresual das organizacións internacionais de traballadores, fai agora xa cento trinta anos, na honra e reivindicación dos Mártires de Chicago, sindicalistas que foron axustizados e mortos pola súa participación nas semanas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas. Unha reivindicación que formalmente foi recoñecida e consagrada por lei nos anos posteriores; dereito escrito aínda agora non totalmente respectada ou violentado en fraude por imposición dunha prolongación abusiva de xornada froito do traballo en precario e de xeitos de contratación a tempo parcial, de vencello temporal e outros modos de relación laboral que deixan na máis absoluta indefensión ás persoas diante de prácticas intolerábeis da patronal.
Situación herdada da reforma laboral imposta por un goberno submiso ao interese da grande empresa, asumida na práctica ao non derrogarse por este goberno actual, practicamente ausente no discurso electoral, con consecuencias de máxima gravidade social que se fan sangrantes no aumento do paro de longa duración, a do número de fogares sen ingresos, a enorme cantidade de mocidade sen futuro certo e nas taxas de pobreza ou risco de exclusión social coa galopada dos contratos precarios como única alternativa. Radiografía parcial dunha patoloxía que aínda debe sumar, con máis perigo si cabe, o porvir dun tempo que trae robótica, mutación a procesos dixitais, transformación de contratación directa a falsos autónomos e moita incerteza. Poderosa razón para berrar:  “Crebemos o xugo do pasado,/ pobo de servos, ergue xa,/ que o mundo vai ser transformado/ e unha orde nova vai reinar.” Toca escoller camiño.

A nosa razón forte berra

Te puede interesar