A letra pequena da enquisa

coa chegada puntual do barómetro periódico do Centro de Investigacións Sociolóxicas sempre vén incluído un fenómeno de impacto xornalístico. É o gran titular da tendencia política a respecto da súa evolución comparada co último proceso electoral ou coa sondaxe anterior. E logo está a letra pequena, o estudio sen cociñar do resultado de preguntar polas preocupacións, problemática común e inquedanzas da cidadanía. Letra pequena, analoxía retranqueira dos documentos, na apreciación popular que ven neses parágrafos de menos tamaño, enmarañados dentro dun contrato, intencións agochadas que se perden da nosa atención, nun certo truco de xogo máxico.
Asumindo a profesionalidade dos xestores desta enquisa, en do conxunto das feitas públicas, non podemos desbotar o potencial de conducir o resultado, dependendo mesmo da linguaxe da súa elaboración e da pregunta resultante. Mostra diso, de como se modifica un estado de opinión por esta vía, é a experiencia americana dos partidarios de abolir o imposto de sucesións que promoveron diferente sondaxes mudando a expresión de “imposto de sucesións” pola de “imposto á morte”, creando con iso un efecto de pegada deste concepto no imaxinario social, acadando pouco a pouco a resultado de ver derrogado este tributo, antes aceptado pola maioría da xente.
Por iso, coa cautela debida, reparemos que o CIS indica como principais problemas: A crise, a pandemia vírica e o desemprego. Desconcerta que o paro laboral pasase ao terceiro lugar vista a situación económica que avanza un futuro de incerteza na que encadeamos unha grave crise sen ter superara da recesión iniciada unha década atrás. A pandemia sanitaria co seu efecto colateral no conxunto da saúde pública e da asistencia sanitaria é máis que lóxica, agravada se cabe polos novos gromos que anuncian un pase de onda, camiño da nova que se superpoñerá sobre a inacabada actual para entrar na cifra millonaria de contaxios sen ver vacina que remedie á vista.
Porén, no concepto de crise súmanse aspectos económicos e sociais cos de natureza política que acentúan a súa intensidade co tratamento que reciben nos medios de comunicación. Abofé, os voceiros de gobernos, centrais e autonómicos, facilitan interesadamente esa percepcións pública. Así, a extensión desta desconfianza social crecente fronte a xestión política e institucional da pandemia, co énfase na técnica de “botar culpa ao outro” da responsabilidade, está a ser unha eiva na procura dunha saída de futuro sostíbel á situación. Pena diso.

A letra pequena da enquisa

Te puede interesar