martes 1/12/20

O herdeiro e os caducos

Penso que á amplísima mayoría non lle preocupaba a presenza de El Rei no acto do Consello do Poder Xudicial en Barcelona, xusto nestes intres de grave crise económica e sanitaria. Porén, o noso xuizo a respecto da visita real non só habería ser de indiferenza, senón mesmo de oposición crítica, pois que as visitas do Xefe do Estado desque rematou o confinamento o único que xeran son gastos esaxerados en seguranza e incomodos para a mobilidade da cidadanía, mentres xuntan só un pequeño fato de monárquicos entusiastas que adoitan vulnerar todas as medidas sanitarias.

Claro é que as reaccións á ausencia de El Rei en Barcelona esta última sexta amosaron un CXPX caducado no seu mandato en clara sintonía cunha Casa Real que semella esquecer que non ten máis marxe de actuación e presenza pública que a que determine o Goberno. Contra o que pensan algúns na Corte a Casa Real era consciente do balbordo que ía xerar a chamada do xefe do estado ao presidente do CXPX laiándose da súa ausencia en Barcelona.

A cuestión é moi grave en termos institucionais. Un CXPX caducado canto ao seu mandato e un Xefe do Estado que non elixiu ninguén, fillo dun Rei cuestionado polo seu comportamento ético amosaron un aberto cuestionamento ás decisións do Goberno do Estado, xerando axiña acenos de apoio nas patronais CEOE e CEPYME e noutros voceiros do Deep state. É dicir, xerando inestabilidade. Filipe de Borbón amosou abertamente, como hai tres anos a respecto do procès, ser Rei de parte e non de toda a cidadanía. E abofé que semella estar cómodo instalado nesa parcialidade.

Porén, os líderes do Goberno de coalición, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, seica só queren acenar cara o público, no canto de lle dar solución a este problema. Porque o que cómpre é por en valor a maioría absoluta parlamentaria da investidura para aprobar dúas leis orgánicas urxentes. A primeira a da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial que lle quite ao CXPX a capacidade de nomear maxistrados e Presidentes de Salas logo de caducado, do mesmo xeito que Sánchez e Núñez Feijóo non puideron facer nomeamento ningún cando se atopaban en funcións. A segunda a aprobación da Lei Orgánica que regule os contidos do Título II da Constitución que regula a Coroa, para deixar ben claro que tanto o Xefe do Estado é só un alto funcionario sen ningunha caste de iniciativa nin de poderes, suxeito á axenda que sinalen os Gobernos competentes. O mesmiño que a raiña Elisabeth no Reino Unido. Claro é que o Madrid político marca moito e os líderes dos partidos estatais supostamente progresistas adoitan estar máis pendentes de quedar ben perante cadanseu electorado ca de enxergar solucións políticas. Velaí que pase o tempo e que non estea tan afastado o día no que a dereita poida comelos polos pes.

Comentarios